Quobis Networks afiánzase en novos mercados co apoio de Galicia Avanza
xoves, 23 de febreiro do 2023
A
directora da Axencia
Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou este 23 de
febreiro, no Porriño, a sede da empresa tecnolóxica Quobis
Networks, centrada principalmente en servizos de consultoría de
redes a operadores de telecomunicacións e grandes empresas, ámbito
do que é un referente galego, estatal e europeo. Na súa estadía
Argerey comprou os avances en materia de novos mercados da empresa
galega, proceso no que foi apoiada pola aceleradora Galicia Avanza,
posta en marcha por GAIN, o IGAPE e a Tecnópole no ano 2022.
En
concreto, Quobis recibiu apoio para incrementar a presenza
internacional da súa plataforma Quobis Communication Platform en
países de Latinoamérica como México e Colombia.
Trátase
dunha tecnoloxía que comezou a desenvolver en 2013 baseada en WebRTC
(comunicacións web en tempo real), sendo a primeira firma en lanzar
un servidor de aplicacións a partir desta tecnoloxía, que permite a
operadoras e grandes empresas (como entidades bancarias) soportar
multitude de casos personalizados, achegando capacidades multimedia
de última xeración ás redes de voz existentes.
Ao
longo destes anos, Quobis converteuse en partner referencial
para operadores como Vodafone, Telefónica ou BT.
Durante
a visita de Argerey, a empresa galega puxo o foco nunha das grandes
características da plataforma, que é a posibilidade de achegar aos
usuarios diferentes servizos de comunicación en tempo real, como
vídeo-conferencia, mensaxería instantánea, voz IP ou PSTN. A
capacidade para usarmos de xeito indistinto estes servizos fai
posíbel, por exemplo, “a nosa identificación para a apertura de
contas bancarias en remoto, a atención a clientes por
vídeo-conferencia, a peritaxe remota ou as comunicacións para
traballadores, entre outras opcións”, explicaron ante a directora
de GAIN os responsábeis da compañía TIC.
Convocatoria
aberta da segunda edición da aceleradora
Argerey
lembrou que aínda está aberta a segunda edición de Galicia Avanza,
un programa de aceleración para a internacionalización de pemes
galegas no que poderán participar ata 30 pequenas e medianas
empresas innovadoras e/ou de base tecnolóxica. As
solicitudes deberán presentarse ata o 28 de febreiro a través da
páxina web da iniciativa.
O
obxectivo do programa de aceleración, xestionado e coordinado por
Tecnópole, é “que solucións innovadoras galegas, de calquera
ámbito ou sector, dispoñíbeis ou moi próximas ao mercado, acaden
ou fortalezan a súa presenza no mercado exterior no menor tempo
posíbel”. Aspírase así a “que as empresas beneficiarias
consigan reforzar a súa consolidación no mercado internacional
ademais de abrirse a novos mercados ou acceder a novos segmentos de
clientes, traballando na protección das súas marcas e deseños
industriais ou intelectuais, na detección de colaboracións con
outras empresas, no acceso a novos segmentos de clientes, no avance
na senda da innovación ou no incremento da atracción de
financiamento externo, entre outros aspectos”, engadiu a directora.
Á
hora de seleccionar as pemes beneficiarias do programa, valorarase o
potencial de internacionalización e o grao de innovación dos seus
produtos ou servizos, o coñecemento do mercado internacional
obxectivo, o potencial de crecemento no mercado exterior, a
capacidade financeira da empresa e a súa experiencia previa no
mercado exterior. Ademais, como novidade nesta edición incentivarase
a participación de empresas que non teñan axudas previas da Axencia
Galega de Innovación (GAIN) e de Tecnópole e a porcentaxe de
mulleres nos seus cadros de persoal.
Galicia
Avanza ofrece un programa integral de apoio á internacionalización
de aceleración entre abril de 2023 e xaneiro de 2024 con itinerarios
personalizados en eidos como o estudo do mercado, a estratexia de
mercadotecnia, a adaptación de produtos e servizos, o deseño e
rexistro de marcas e certificacións ou a estratexia de acceso ao
mercado. As empresas participantes tamén poderán acceder a asesoramento, capacitación e formación
comercial e técnica ao longo do programa.
Na
primeira edición deste programa, recibíronse 42 solicitudes de
participación das que foron seleccionadas 30 de sectores moi
diversos como o turismo, o alimentario, a biotecnoloxía, a saúde, a
enerxía, as TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), a
automoción ou o aeroespacial. Entre os datos de balance da primeira
edición detectáronse 100 necesidades nas 30 diagnoses realizadas;
64 provedores contratados; 18.617€ de gasto medio por empresa
beneficiaria na contratación de provedores; e un 67% das necesidades
contratadas corresponden a prospeccións de mercado, rexistro de
marca e mercadotecnia.