R, a UDC e a UVigo xuntan forzas para crear unha cátedra en ciberseguridade

martes, 18 de decembro do 2018 Fernando Sarasketa

Un escenario de investigación e divulgación dende onde dar relevantes pasos en materia de protección en liña. Este sería un dos obxectivos da iniciativa conxunta presentada hoxe pola operadora galega R e máis as universidades de Coruña e Vigo: a Cátedra R en Ciberseguridade. O proxecto, que foi dado a coñecer polos reitores Julio Abalde (UDC) e Manuel Reigosa (UVigo), e por Alfredo Ramos, director xeral de R, basea boa parte do seu fundamento en tres razóns de peso: temos unha puxante comunidade de investigadores universitarios que son expertos en metodoloxías para facer máis seguras as comunicacións, temos unha compañía que é referente en comunicacións de vangarda (R) e, en terceiro lugar, temos un ámbito, o da ciberseguridade, que é unha gran porta da entrada profesional para os nosos estudantes.
A cátedra, que sería a primeira interuniversitaria existente en Galicia quere promover “o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habilidades dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais”. Nun plano máis concreto, Abalde, Reigosa e Ramos lembraron que o seu fin último é “adaptar ese coñecemento ás necesidades das empresas, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade”.
O reitor da Universidade da Coruña resaltou a importancia da protección das tecnoloxías e as comunicacións na sociedade actual e futura.: “A conectividade a través de Internet e a utilización das redes sociais fai que sexa máis necesario que nunca dispor de coñecemento e recursos humanos que permitan facer fronte aos problemas que a nova situación provoca”.
Pola súa banda o reitor da Universidade de Vigo salientou que “para a nosa institución, que leva anos traballando no ámbito da ciberseguridade, é moi importante participar nesta Cátedra, que ademais reforza a nosa colaboración coa Universidade da Coruña, coa que compartimos docencia e investigación neste mestrado”. Reigosa tamén puxo o foco no “aumento de ciberataques” destes últimos tempos, e de como este fenómeno “precisa da incorporación de profesionais expertos en protección”.
Alfredo Ramos fixo fincapé na relevancia do acordo entre as tres partes, que “marca un antes e un despois na relación entre os centros universitarios e o sector das telecomunicacións galegas, e abre un vieiro que propiciará a aplicación práctica na sociedade de todo o coñecemento sobre seguridade informática”.
A Cátedra, segundo fixeron saber, vai ter unha manchea de liñas de actuación, entre as que cómpre destacar as que citamos deseguido:
· Colaboración na docencia+investigación (Mestrado Interunivesitario en Ciberseguridade)
· Creación de programa de captación de talento (alumnado ambas as dúas Universidades)
· Creación de espazos para a difusión e o debate sobre ciberseguridade
· Capacitación en competencias relacionadas coa protección en liña tanto dentro da comunidade universitaria coma fóra dela, tendo en conta as necesidades competitivas das empresas.
Amais, no eido da formación e a difusión está programado cooperar en mestrados e outros estudos de posgrao, programas de formación permanente, patrocinio de bolsas predoutorais e posdoutorais, premios a proxectos de fin de grao ou mestrado, traballos e concursos de ideas, conferencias, seminarios, obradoiros, promoción de prácticas curriculares e extracurriculares, visitas a empresas, plans de formación de empresas e institucións, formación para a creación de empresas de base tecnolóxica...etc.
Por outra banda, no plano da I+D, impulsaranse liñas conxuntas de traballo para desenvolver proxectos a nivel galego, estatal e europeo; apoiaranse teses de doutoramento e outras de fin de grao, promoveranse encontros nacionais e internacionais de expertos nas áreas de interese da ciberseguridade, ademais de empurrar a contratación de grupos das universidades da Coruña e de Vigo para accións de innovación ou consultoría especializada na empresa.
A Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo e máis a Facultade de Informática da Universidade da Coruña poñerán a disposición da Cátedra R as súas instalacións para desenvolver todas estas actividades. Unha comisión de seguimento encargarase de supervisar as accións derivadas do convenio.

PUBLICIDADE