R achegará aos seus clientes os contidos de Netflix

luns, 13 de novembro do 2017 Redacción

O Grupo Euskaltel, constituído polas operadoras Euskaltel (Euskadi), R (Galicia) e Telecable (Asturias), vén de asinar un acordo con Netflix, o líder mundial de subscrición a visualización de películas e series. Grazas a esta alianza, os clientes de televisión das ditas operadoras gozarán dos contidos da multinacional directamente a través do seu deco 4K. No capítulo de cousas novas, amais do acordo en si mesmo e da posibilidade de vermos as series e os filmes de Netflix, a parcería asinada inclúe como novidade a integración no mando de Euskatel dun botón específico e “exclusivo” para accedermos de maneira directa ás devanditas series, documentais e filmes. Neste senso, as empresa do grupo decláranse pioneiras: son as primeiras do eido estatal que fornecen a usuarios da que sería, nas súas palabras, a posibilidade de acceder a Netflix cun só clic.
No que atinxe a títulos concretos, o acordo significará que ao longo dos vindeiros meses a grella de Euskaltel enriquecerase con boa parte das series máis vistas e demandadas da actualidade, como por exemplo Stranger Things, Narcos ou Las chicas del cable, entre outras moitas.
No comunicado no que se informa destas novidades, o Grupo tamén informa que tanto Euskaltel como R e Telecable figuran nos primeiros postos nos estudos mensuais que Netflix realiza sobre a calidade de provedores de servizos de Internet desde outubro de 2016.
Segundo sinala Francisco Arteche, conselleiro delegado do Grupo Euskaltel, para as empresas integrantes, “este acordo co líder mundial de contidos de televisión representa un gran paso na nosa estratexia para ofrecer a mellor experiencia de televisión aos nosos clientes, grazas á alta capacidade da nosa rede e a calidade que ofrece o Deco 4K”.

PUBLICIDADE