R incrementa o número de fogares e empresas de Noia que contan con acceso á súa fibra

mércores, 26 de agosto do 2020 S. P.

A operadora R vén de incrementar a cantidade fogares e negocios de Noia con posibilidade de a conectarse á súa fibra óptica FTTH. Os núcleos de Couto de Arriba, Xilvir, A Loxe, Manle e O Pirillueiro, no termo municipal coruñés, xa dispoñen de accesos ultrarrápidos a Internet de ata 500 Mbps e pode desfrutar doutros servizos avanzados de telecomunicacións grazas ás redes de nova xeración de R. O despregue destes equipamentos levouse a cabo “aproveitando ao máximo as infraestruturas destes lugares".
Deste xeito, arredor de 151 novos fogares e negocios das ditas localizacións quedaron preparados para recibir os servizos avanzados de teléfono, Internet de ata 500 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R. A esta cantidade sumaránselle outros 725 inmóbeis que se incorporarán en datas vindeiras (200 deles xa ao peche de agosto).
O operador galego leva anos investindo no fornecemento de rede en Noia, onde a día de hoxe xa dispoñen da cobertura das redes de nova xeración de R un total de 6.421 fogares e empresas deste municipio da provincia de Pontevedra.
Estas e outras actuacións na provincia da Coruña forman parte dun dos tres proxectos do Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa dos que R resultou adxudicataria en 2018 para despregar, antes de 2021, a tecnoloxía FTTH en 512 núcleos de Galicia que non dispoñan de alta velocidade ata o momento (“zonas brancas”).
No desenvolvemento dos tres plans investiranse un total de 10M€, dos cales preto de 8M€ serán subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. En concreto, o despregamento en Noia encádrase no proxecto destinado á extensión de redes de nova xeración en 154 núcleos de municipios do noroeste de Galicia (A Coruña, norte de Pontevedra e oeste de Lugo). Para estas actuacións, cun investimento total de 2,6M€ destinarase unha axuda dos fondos FEDER de 2,09M€. Un segundo proxecto fala igualmente do despregamento de banda larga de nova xeración con tecnoloxía FTTH, desta volta en 162 núcleos do centro-oeste de Galicia (norte de Pontevedra, sur da Coruña e oeste de Lugo). O investimento total neste caso é de 3,58M€, 2,86 deles subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea. O terceiro dos proxectos adxudicados desenvolverase en 196 núcleos doutros municipios do suroeste de Galicia (Pontevedra). A cobertura nestas zonas suporá un investimento total de 3,75M€, cunha subvención dos fondos FEDER de máis de 3M€.

PUBLICIDADE