R leva a súa rede de última xeración a 650 fogares e empresas de Ribadumia

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

Comezou o novo ano e a firma R segue na súa liña de incorporar concellos á comunidade de territorios con redes ultrarrápidas de Internet a través de fibra óptica. Un dos máis recentes en estrear estes equipamentos de FTTH (Fiber To The Home) é o termo municipal de Ribadumia, en Pontevedra, logo da adhesión recente de Cuntis, na mesma provincia. A achega desta infraestrutura carrexa, entre outras cousas, a dispoñibilidade de accesos de nova xeración (con servizos avanzados de teléfono, Internet de alta velocidade con 350 Mbps simétricos e televisión dixital multicanle de R) para 650 fogares e empresas do núcleo de Barrantes, en Ribadumia.
Amais, serán preto de 900 residencias particulares e negocios os que se poidan conectar á rede do operador galego cando se completen todos os traballos no municipio pontevedrés, uns traballos que, segundo explica a compañía de cable, tentaron tirar o máximo proveito das infraestruturas municipais previamente existentes na localidade arousá.
O fornecemento de fibra no devandito concello abéiranse ao Plan PEBA-Avanza do Ministerio de Economía e Empresa, do que R foi adxudicataria en 2016 para despregar FTTH (fibra até o edificio) nas chamadas “zonas brancas”, é dicir, as que nunca dispuxeran de accesos de alta velocidade até este momento.
Xunto co da provincia de Pontevedra, o operador galego conseguiu tamén a adxudicación doutros dous proxectos; un, para as provincias de Lugo e Ourense e outro para a da Coruña. En total, os tres proxectos supoñen un investimento de preto de 8 millóns de euros, dos que 4,3 son subvencionados polos fondos FEDER da Unión Europea, a través do Programa de Extensión da Banda Larga de Nova Xeración (PEBA-Plan Avanza) do Ministerio de Economía e Empresa. Só na provincia de Pontevedra o investimento total rolda os 3,35 millóns de euros, dos cales 1,84 proceden dos fondos europeos.
R engadiu que cando se completen os traballos de despregue nas catro provincias galegas, arredor de 33.000 fogares e empresas destas “zonas brancas” formarán parte do millón longo de fogares e negocios que a día de hoxe están en disposición de recibir os servizos avanzados de R en Galicia.

PUBLICIDADE