O conselleiro delegado de R, Arturo Dopico, presentou esta mañá os resultados de actividade económica e comercial da súa compañía en 2011, facendo un percorrido polos principais fitos que o operador galego marcou neste exercicio, como o feito de acadar os 275.000 clientes, o que supón un incremento do 20,8% dende comezo de 2008, o que confirma a boa aceptación que ten a oferta combinada de R entre fogares e empresas de Galicia.
R conseguiu captar 13.000 novos clientes á súa rede de fibra óptica durante 2001, e tamén conseguiu 28.000 novas liñas móbiles, resultados que teñen especial relevancia na conxuntura económica actual, na que familias e empresas están a controlar os seus gastos, o que non impediu que o operador medrase un 3% en ingresos (237 millóns de euros en total) e nun 5,8% no EBITDA (pechando o ano con 110 millóns de euros de resultado operativo).

O acceso á Internet a alta velocidade continúa a ser un dos servizos estrela da compañía, tanto pola súa calidade (garanten o 80% da velocidade contratada) como pola súas prestacións, conseguindo que o 79,6% dos clientes particulares da compañía contraten este servizo, o que supera sobradamente ao 46,5% de penetración da Rede en Galicia segundo datos do INE.

O servizo de telefonía fixa de R continúa a ser o favorito dos galegos, e dende a compañía destacan que agora xa é posible recibir este servizo dende calquera punto da nosa comunidade (incluíndo vilas ás que non chega a súa rede de fibra óptica), aínda que no ámbito da telefonía móbil é no que máis están a avanza, con case 118.000 liñas contratadas nos só 4 anos que levan ofrecendo tal servizo, e sendo un dos operadores móbiles líderes no estado na recepción de portabilidades. Amais, a aposta móbil de R non fixo máis que comezar, pois este ano optaron a dúas poxas do espectro radioeléctrico, polo que no futuro poderán espallar as súas propias redes móbiles de nova xeración (o que resulta especialmente atractivo para a banda larga móbil).

Dopico tamén quixo destacar na presentación dos resultados de R que a compañía supón un importante activo para Galicia, xa que procuran traballar con empresas galegas (en 2011 contratou servizos na nosa comunidade por importe duns 70 millóns de euros) e contribúen a pechar a fenda dixital coas súas infraestruturas e a través dunha liña de axudas para a contratación do acceso á Internet dende o fogar por parte de familias con poucos recursos (grazas á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica).
R pecha 2011 gañando clientes e apostando pola televisión e o móbil
Compartir Este Artigo
