R pechou 2018 con máis velocidade, canles e fibra para os seus clientes

mércores, 2 de xaneiro do 2019 Fernando Sarasketa

A operadora galega R quixo rematar ao ano facendo balance do acadado nas súas diferentes vertentes de actividade (Internet, televisión, fibra, móbil) ao longo dos doce meses que vimos de deixar atrás. O informe dos principais fitos tecnolóxicos da compañía en 2018 comeza co capítulo de Internet. Neste punto, a empresa foi quen de aumentar as velocidades achegadas, sendo este proceso aplicábel a todos os clientes con acceso á rede fixa de R, que pasaron de 60 a 100 Mbps, de 100 a 200 e de 200 a 300.
No eido da televisión, R acadou a dispoñibilidade de Netflix para os seus clientes a través do deco 4K. Tamén foron obxecto de ampliacións a alta definición (incorporando Eurosport 2, Garage TV, Discovery, Nickelodeon e Disney Channel) e maila grella televisiva (Extreme Sports, Nick Jr, Baby TV, Garage TV MTV, MTV Dance, Disney Pop Pick, MTV Rocks, MTV Music ou MTV Live HD). Ademais, a Liga 123 TV púxose a disposición de todos os clientes, ao que cómpre engadir melloras en todos os paquetes de televisión.
No ámbito do móbil, amais de mellorarse o servizo e a cobertura, lanzouse unha tarifa con 50 GB (R foi o primeiro operador que fixo isto) e incrementouse a cifra de clientes que se conectan á Rede móbil a través de 4G (o 80% dos clientes). Por outra banda, lanzáronse bonos ilimitados de datos para acceso a redes sociais, música, vídeos ou para a fin de semana; novas tarifas de só móbil; e unha aplicación móbil, 3ollos R, para facer posíbel a localización exacta dos nosos familiares. Amais, a operadora galega activou a itinerancia por defecto dentro dos países da UE e, asemade, comezou a ofrecer 4G tamén en itinerancia.
Polo que se refire á fibra, incrementouse a cifra de familias e empresas que desfrutan dela. En termos concretos, sumáronse novos concellos á comunidade de municipais que contan con este servizo de R (Abegondo, Cerceda, Cuntis, Lourenzá, Barreiros, Palas de Rei, Monterroso ou Muros) e, ademais, a empresa conseguiu chegar a 81 polígonos galegos cos seus accesos á Rede de alta velocidade.

PUBLICIDADE