Richard Duro (CITIC) avoga por unha robótica máis autónoma e segura no European Robotics Forum

martes, 31 de marzo do 2026 S. P.

O CITIC da UDC estivo presente no European Robotics Forum 2026, celebrado do 23 ao 27 de marzo en Stavanger, Noruega. Este evento está considerado o principal punto de encontro da comunidade europea de robótica e intelixencia artificial, reuniu a máis de 1.000 participantes do ámbito industrial, académico e do sector público.
Durante o foro, o investigador Richard Duro representou ao CITIC na Asemblea Xeral de euRobotics e participou no obradoiro Coupling Mobile Robotics & Manipulation, centrado nos avances en robótica móbil con capacidades de manipulación, área que aborda o desenvolvemento de robots capaces de desprazarse en contornas complexas e manipular obxectos diversos, desde mostras médicas ata produtos industriais.
O taller, co-organizado xunto a representantes de PAL Robotics, reuniu a expertos da industria e o ámbito académico para analizar retos clave como a integración de autonomía avanzada, a seguridade en sistemas intelixentes e a necesidade de solucións explicables que faciliten a súa adopción en contornas reais.
Ademais, o mércores 25 de marzo, Richard Duro participou nunha mesa redonda xunto a representantes de ABB, Roche, PAL Robotics e un centro de investigación italiano. Neste debate púxose de relevo a crecente importancia da manipulación móbil para lograr unha automatización flexible, así como a necesidade de aliñar a investigación coas demandas reais do mercado.
No marco deste encontro, Richard Duro interveu como coordinador do proxecto europeo PILLAR-Robots, financiado polo programa Horizonte Europa. Presentou os últimos avances en tres ámbitos estratéxicos: retallista, sector agroalimentario e entretemento educativo, destacando o papel crucial da interacción humano-robot e o seu impacto social.
Durante a súa intervención, Richard Duro subliñou a importancia de situar ao usuario no centro do desenvolvemento tecnolóxico, abordando cuestións como a aliñación de sistemas, a manipulación robótica e as súas motivacións.
O proxecto PILLAR-Robots está desenvolvido por un consorcio europeo formado pola Universidade da Coruña (a través do CITIC), o Consiglio Nazionale delle Ricerche (CNR), Sorbonne Université, o Athena Research Center, AI2Life e PAL Robotics.