Rinoceronte Editora e TICGAL lanzan Rinodicionarios en formato de aplicación móbil

xoves, 7 de maio do 2026 S. P.

A confluencia entre tecnoloxía e lingua galega deu un novo paso adiante neste arrinque de maio. Fíxoo co lanzamento de Rinodicionarios, un innovador multidicionario dixital en formato de aplicación móbil (para Android e para iOS) que viu a luz grazas á colaboración do selo de Cangas, Rinoceronte Editora, e a entidade TICGAL.
Segundo explican, Rinodicionarios traslada ao entorno móbil a experiencia xa consolidada na súa versión web, “permitindo agora acceder de forma cómoda e inmediata desde calquera lugar: desde raíces latinas ata termos modernos, este é o conxunto de ferramentas esencial para calquera que aprenda, escriba ou traballe en galego”.
O proxecto incorpora máis de 27.000 entradas, 17.000 locucións e 2.500 topónimos, resultado de anos de traballo especializado no ámbito lingüístico por parte de Rinoceronte Editora, o que consolida esta proposta, sinalan as dúas entidades, “como unha das iniciativas máis completas na súa categoría”.
Rinodicionarios reúne nunha única interface sinxela e intuitiva catro dicionarios (español-galego, latín-galego, etimolóxico e complementario) entre os que o usuario pode alternar cun só toque.
A aplicación está dispoñible en catro linguas de interface (galego, castelán, inglés e latín) ampliando así a súa accesibilidade e adaptándose a diferentes perfís de usuario.
Ademais, a aplicación incorpora funcionalidades deseñadas para mellorar a experiencia do usuario, como acceso rápido ás buscas recentes e a posibilidade gardar termos favoritos organizados por dicionario. Inclúe tamén unha sección coa palabra do día, que contribúe a enriquecer o vocubalario e fomentar o uso activo do galego.
Melloras técnicas: modo escuro e seguimento cero
No plano técnico, Rinodicionarios aposta tamén por unha experiencia de usuario optimizada, incorporando modo escuro para reducir o consumo enerxético e mellorar a visualización. Integra tamén un enfoque centrado na privacidade, no que non se realiza ningún seguimento dos datos de uso, garantindo unha experiencia totalmente anónima.
De balde
Outro dos aspectos diferenciais do proxecto é o seu carácter aberto e accesible, xa que a aplicación é completamente libre, sen funcionalidades de pago nin barreiras de acceso, reforzando o seu obxectivo de democratizar o acceso ao coñecemento lingüístico.
Para Rinoceronte e TICGAL, este lanzamento é un exemplo de colaboración privada impulsada desde a sociedade civil, sen intervención de administracións públicas, que pon en valor o compromiso co desenvolvemento cultural e tecnolóxico de Galicia.
“A iniciativa alíñase así con principios de sustentabilidade e responsabilidade social, facilitando o acceso á cultura e promovendo o uso da lingua galega a través da tecnoloxía”, sinalan, engadindo que “estamos ante unha iniciativa privada nacida na sociedade civil, onde dúas empresas suman esforzos por iniciativa e con recursos propios, para impulsar a súa lingua da man da mellor tecnoloxía”, apuntou Óscar Beiro, CEO de TICGAL.
Neste contexto, sinala que “este proxecto demostra que a tecnoloxía e a lingua non son mundos separados. Desde TICGAL cremos firmemente que o galego ten un lugar no ecosistema dixital global, e Rinodicionarios é un exemplo concreto de como a colaboración entre empresas pode facer realidade ese compromiso sen depender de axudas públicas”.