Rubén Cuevas aborda no CITIC da UDC como facer unha IA máis verde
xoves, 29 de xaneiro do 2026
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, centro que forma parte da Rede CIGUS da Xunta de Galicia, acolleu este mércores 28 de xaneiro a conferencia Un enfoque científico-práctico para a IA verde, impartida por Rubén Cuevas, profesor titular da Universidade Carlos III de Madrid, subdirector do Instituto UC3M-Santander de Big Data e CEO e cofundador da tecnolóxica Hiili.
A sesión formou parte do ciclo Converxencia Verde: IA para un futuro sustentable, promovido pola Cátedra Inditex-UDC en Algoritmos Verdes.
Durante a conferencia, Cuevas presentou os últimos avances na medición e optimización do consumo enerxético da intelixencia artificial xenerativa. Destacou que “aínda que modelos como ChatGPT e outros LLMs están a ser amplamente utilizados polo público xeneral, a demanda enerxética que supoñen representa un desafío ambiental e económico”.
Fronte a esta problemática, o investigador explicou o funcionamento de GreenBrain AI, unha aplicación desenvolvida por Hiili capaz de detectar o modelo de IA máis adecuado en función de tres criterios: rendemento, emisións de CO₂ e custo económico. “Cando un usuario fai unha consulta, o sistema analiza e selecciona o modelo máis axeitado a nivel medioambiental e económico”, explicou respecto do seu funcionamento, engadindo que “para o seu desenvolvemento avaliáronse máis de 150 modelos de intelixencia artificial, realizando medicións directas sobre o consumo enerxético por prompt, ata lograr establecer un modelo preditivo que permite estimar a enerxía que necesita o sistema para responder a cada consulta individual”.
Rubén Cuevas destacou que, no desenvolvemento de sistemas LLMs, certas decisións técnicas permiten optimizar a memoria e reducir custos sen comprometer o seu rendemento.
Durante a sesión tamén presentou CarbonAI, un plugin gratuíto para navegadores desenvolvido pola súa compañía que analiza, en tempo real, as emisións de CO₂ xeradas polo uso de modelos de IA xenerativa. O obxectivo destas iniciativas é fomentar un uso máis eficiente e responsable da IA, así como divulgar sobre o seu impacto medioambiental.
Rubén Cuevas conta con máis de 80 publicacións científicas internacionais e liderou máis de 20 proxectos de investigación centrados en eficiencia enerxética, servizos dixitais respectuosos cos recursos naturais e privacidade na web.
