Sae á venda a versión vitalicia de Office 2024

mércores, 2 de outubro do 2024 Marcus Fernández

Microsoft quere que os usuarios do seu software ofimático adopten o seu servizo de subscrición Microsoft 365, pero dado que hai casos nos que non é posible, cada poucos anos lanzan unha versión de Office cunha licenza vitalicia, ou sexa, que pode utilizarse sen subscrición mensual, pero carente das grandes actualizacións das aplicacións.
A anterior grande versión deste tipo do paquete era Office 2021, pero en marzo anunciaron que este ano tamén teriamos unha nova versión vitalicia, e finalmente temos dispoñible para a súa compra Office 2024 en dúas versións: Office Hogar 2024 para uso non comercial nun único equipo a un prezo de 149 euros e Office Hogar y Empresas 2024 para un equipo por 299 euros.
Estes paquetes inclúen as aplicacións de escritorio clásicas de Word, Excel, PowerPoint, Outlook (esta aplicación en concreto só na versión para empresas) e OneNote de 2024, compatibles con Windows 11, Windows 10 e macOS (nas súas tres últimas versións), sendo preciso acceso á Internet para a instalación e activación dos programas, pero non para o seu uso diario.