Salvador Naya fala na Real Academia de Medicina sobre o poder dos datos na era dixital

mércores, 12 de xuño do 2024 S. P.

Salvador Naya, investigador do CITIC da Universidade da Coruña, imparte este xoves ás 19.00 na Real Academia de Medicina de Galicia (Rúa Durán Loriga, 10, A Coruña) a conferencia titulada Transformando o futuro a través da información: Datos na era dixital. A sesión será presentada por Jesús Reboredo, médico territorial de DKV, mentres que o presidente de RAMG, Francisco Martelo, será o encargado de pechar esta sesión divulgativa.
Salvador Naya explicará como os datos evolucionaron ao longo da historia, desde simples métricas e cifras anotadas en libros de contabilidade ata converterse nunha fonte de coñecemento e transformación na era dixital.
A xeito de adianto, o investigador do CITIC destaca que “na actualidade os datos proveñen de diversas fontes, desde o contido xerado polos usuarios na Internet ata os enormes conxuntos de datos utilizados en investigacións científicas; esta abundancia de datos abriu novas posibilidades en múltiples eidos, especialmente no ámbito médico, onde a análise de datos de pacientes, rexistros clínicos e estudos de investigación permitiu mellorar os diagnósticos, personalizar os tratamentos e optimizar os procesos”.
Naya tamén abordará os desafíos asociados á xestión desta avalancha de información, como a calidade, a privacidade e a seguridade dos datos, así como as súas implicacións na Intelixencia Artificial. Retos que non será posíbel superar sen unha base sólida de modelos de IA, minería de datos, aprendizaxe máquina (machine learning) e análise preditiva, “recursos fundamentais para tomar decisións informadas e aproveitar plenamente o potencial dos datos”.

PUBLICIDADE