Samsung presenta novos televisores OLED optimizados para xogar

mércores, 4 de febreiro do 2026 Marcus Fernández

Estamos afeitos a ver como os fabricantes de electrónica de consumo lanzan monitores orientados a xogar no ordenador ou conectados a consolas de videoxogos, pero non podemos esquecer que moitos usuarios xogan en televisores, e pensando neles dende Samsung anuncian a súa gama de televisores Odyssey OLED 2026, deseñados para ofrecer un alto rendemento en xogos.
Os novos modelos de televisores de Samsung son o S95H e o S90H, con taxas de refresco de ata 165 Hz e o S85H cun refresco de ata 120 Hz, conseguindo así uns movementos fluídos e suaves, con baixa latencia. Tamén son compatibles con AMD FreeSync Premium Pro, conseguindo un HDR estable e sen tearing tanto en PC como en consolas.
Estes novos televisores tamén introducen o formato HDR10+ Advanced, que mellora o brillo, o contraste, o movemento e a precisión da cor en todo tipo de contidos.
No caso dos modelos S95H e S90H o fabricante surcoreano tamén incorpora tecnoloxía de redución de reflexos sen comprometer a calidade de imaxe dos seus paneis OLED.