Samsung rodará en Lalín un novo spot publicitario de seu

venres, 21 de abril do 2017 Redacción

Samsung, a referencial compañía coreana de electrónica e tecnoloxías, vén de anunciar que vai rodar en Lalín un novo spot publicitario de seu. A nova foi dada a coñecer onte polo concelleiro de Turismo, Francisco Vilariño, que anunciou que o audiovisual resultante terá como fío condutor a promoción dun televisor de última xeración, sendo o emprazamento elixido para tal presentación (de maneira íntegra) o interior do consistorio lalinense, un referente na construción actual de infraestruturas públicas (deseñado, como lembraremos, polos arquitectos Mansilla e Tuñón). Segundo engadiu Vilariño, o elemento crucial da rodaxe será a escaleira helicoidal do vestíbulo do edificio.
O conselleiro amosou a súa “enorme satisfacción” pola nova achegada por Samsumg, porque “despois de moito traballo, esta firma tan recoñecida a nivel mundial escolleu Lalín para gravar un dos seus anuncios”. Vilariño tamén salientou a “gran repercusión” que vai ter para este municipio a emisión dun spot que se poderá ver en todo o mundo e que terá un alcance de millóns de persoas.
A produtora que vai realizará o vídeo comercial é Team Works Spain, que estará dirixido por Lily Coates e GabinYoungs, responsaeis de The Apiary, compañía con sede de seu en Australia. Trátase dun proxecto de enorme dimensión onde Lalín competiu con outras localizacións de Alemaña, Brasil ou Xapón. O spot vaise gravar os días 29 e 30 deste mes coa participación dun equipo de 60 persoas. Francisco Vilariño engadiu que o anuncio servirá como “carta de presentación única do noso concello” e asegurou que “terá unha gran repercusión a nivel socioeconómico”.

PUBLICIDADE