Santiago de Compostela estrea canle de televisión en ultra alta definición

xoves, 3 de maio do 2018 Redacción

Televisión Española continúa na vangarda da TDT, e non só procura levar a meirande parte das súas emisión á alta definición, senón que tamén está a ir un paso máis aló, e fai probas en ultra alta definición, o que algúns usuarios pode experimentar se teñen televisores 4K aproveitando os contidos en HbbTV de TVE e agora tamén poden facer tal directamente a través das emisións aéreas no caso de recibir o sinal dende Santiago de Compostela, onde esta mañá iniciaron as emisións en probas da canle de ultra alta definición de TVE.
Estímase que actualmente o 5% dos televisores en España son 4K, polo que esta nova aposta non chegará aínda a moitos consumidores, pero supón un avance nunha tecnoloxía chamada a imporse, na liña do que aconteceu no seu momento coas emisións en HD, que TVE tamén iniciou cunha canle en probas e actualmente case toda a súa oferta está adaptada a esta tecnoloxía. O reto está agora non só en espallar a cobertura desta canle, senón tamén na produción de contidos con tal nivel de calidade, o que supón unha modernización tecnolóxica difícil de asumir, especialmente por haber aínda unha demanda de contidos en 4K moi reducida.
Compostela sería a 4ª cidade española en recibir emisións de televisión en 4K a través da TDT.

Proxecto coa participación de Televés

Televés foi a compañía encargada da posta en marcha da nova canle de ultra alta definición (UHD ou 4K) que emitirá durante seis meses na TDT para a área de Santiago de Compostela. Trátase dun proxecto pioneiro que sitúa a Galicia na vangarda do desenvolvemento da tecnoloxía da televisión, e que permitirá realizar probas técnicas para a futura explotación comercial da UHD e outras funcións avanzadas da TDT, como a recepción en mobilidade.
A emisión foi presentada hoxe no Centro Tecnolóxico de Televés Corporación. O contido, que se aloxa na canle 33, é un documental de Radiotelevisión Española (RTVE) sobre Santiago de Compostela, dentro de serie Cidades Patrimonio da Humanidade. Colabora tamén no proxecto Cellnex Telecom, que achega as instalacións do centro emisor do monte Pedroso.
No acto de presentación, que contou cunha conexión en directo coa programación da canle 24 Horas do RTVE, interviñeron Santiago Rey, director xeral de Televés Corporación; Ramón Pallarés, director comercial Broadcast de Cellnex Telecom; Pere Vila, director de Estratexia Tecnolóxica e Innovación Dixital de Radiotelevisión Española (RTVE), e Juan Manuel Hidalgo, director da 2. Asistiron tamén Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela, Antonio Fernández-Paniagua, subdirector xeral de Planificación e Xestión do Espectro Radioeléctrico, e Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN).
Para executar esta iniciativa, púxose en funcionamento un transmisor de media potencia (1,2 KW) da gama Fourth Series de TRedess, firma pertencente a Televés. Trátase dun equipo de última xeración, compatible co sistema DVB- T2 e equipado con tecnoloxía Ultra Wide Brand Doherty, que optimiza a súa eficiencia enerxética.
O proxecto prolongarase durante polo menos seis meses e ten como obxectivo principal realizar probas de carácter técnico coa modulación DVB- T2 (TDT de segunda xeración), entre elas a recepción en mobilidade. Con todo, a emisión pode ser captada por calquera televisor doméstico da área de Santiago de Compostela preparado para DVB- T2.
Trátase da cuarta experiencia de emisión en UHD que se realiza en España. Con ela, Santiago súmase aos centros emisores de Madrid, Barcelona e Sevilla, onde xa se efectuaron experiencias similares.
Na súa intervención, Santiago Rey destacou o fito tecnolóxico que representa a emisión dunha canle en UHD, que sitúa a Galicia na vangarda do desenvolvemento da tecnoloxía da televisión, e puxo de relevo o feito de que os equipos emisores foron desenvolvidos e fabricados en Santiago de Compostela, en instalacións de Televés Corporación. Fixo fincapé tamén na aposta da compañía pola innovación e a implementación do modelo Industria 4.0, a través do proxecto Corp4 Future, que conta co respaldo da Xunta de Galicia e que supoñerá un investimento de 23 millóns de euros, para mellorar a competitividade e impulsar o proceso de diversificación de Televés Corporación.
Pere Vila indicou que entre o 4% e o 5% dos fogares españois dispoñen actualmente de televisores preparados para a UHD, e que esa proporción elevarase ata o 50% nun prazo de «cinco ou seis anos». Sinalou tamén a vontade de TVE de «competir» con outros operadores con produtos dotados desta tecnoloxía e difundidos a través da TDT.
Ramón Pallarés dixo que a UHD, xunto ás solucións de televisión híbrida, achegan «máis valor para o espectador», e afirmou que a TDT é a plataforma ideal para que este valor chegue ao conxunto da poboación. Neste sentido, indicou que a penetración da televisión dixital terrestre en España é do 77,1%, o que a consolida como a principal plataforma de difusión de contidos audiovisuais.
Juan Manuel Hidalgo eloxiou as instalacións de Televés Corporación que, dixo, son reflexo do «nivel tecnolóxico que temos neste país». Explicou tamén a aposta de TVE pola produción de contidos en UHD, da que forma parte a serie de documentais sobe as 15 cidades españolas declaradas pola UNESCO Patrimonio da Humanidade, entre elas Santiago de Compostela. Adiantou tamén unha futura produción sobre Murillo que contará coa colaboración do Museo do Prado e da National Gallery, entre outras grandes pinacotecas.

PUBLICIDADE