Santiago engade a opción de alertas á versión 2.0 de Máis Bus

xoves, 1 de outubro do 2015 Redacción

O xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera, e o concelleiro Jorge Duarte durante a rolda de prensa

O Concello de Santiago e a empresa municipal TUSSA (Transporte Urbano de Santiago) presentaron semana as novas funcionalidades da versión 2.0 da aplicación Máis Bus, unha ferramenta para dispositivos que, como lembraremos, diríxese a facilitar (vía móbil) á cidadanía o uso e dispoñibilidade das diferentes liñas de autobuses. A rolda de prensa contou coa presenza do concelleiro de Mobilidade, Jorge Duarte, e do xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera. Segundo fixeron saber, as dúas incorporacións da nova versión 2.0 da ferramenta facilitan alertas e información sobre traxectos.
Respecto da primeira, os usuarios terán a posibilidade de configurar as alertas que desexen, de tal xeito que se informa ao usuario da chegada do autobús coa antelación da que queira dispor (o dispositivo avisaranos cun prazo de tempo a elixir da chegada dun bus á nosa parada).
Por outra banda, a aplicación (engadiron) incorpora un novo motor de busca que permite o cálculo automático seleccionando aspectos como o punto de orixe, a parada, lugares favoritos ou punto de destino para que a ferramenta devolva o itinerario máis rápido para o usuario xunto coas liñas das que pode tirar proveito. A app amósalle, en función da orixe e o destino seleccionado, todos os posíbeis traxectos ordenados en base ao factor esforzo.
Trátase, dixeron, “de dúas novas funcionalidades que mellorarán a experiencia do usuario e que lle permitirán aforrar tempo e sacarlle un maior partido ao transporte urbano da cidade”.

PUBLICIDADE