Seis investigadores do CITIC da UDC, entre os científicos máis influentes do mundo
luns, 18 de novembro do 2024
Seis investigadores do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña destacan este ano pola inclusión na prestixiosa lista World’s Top 2% Scientist List da Universidade de Stanford.
Esta clasificación internacional, en palabras do centro coruñés “unha das máis recoñecidas a nivel mundial”, identifica o 2% dos científicos máis influentes en todas as áreas do coñecemento, e baséase na análise de citas e produción científica recollidas na base de datos Scopus, proporcionada por Elsevier.
Os investigadores do CITIC recoñecidos pola súa traxectoria e influencia científica global son Tiago M. Fernández Caramés, Verónica Bolón Canedo, Alejandro Pazos Sierra, Paula Fraga Lamas, Diego Darriba López e Amparo Alonso Betanzos. Para o CITIC, estas distincóns evidencian o impacto do centro en áreas estratéxicas como a Intelixencia Artificial, a aprendizaxe automática e as tecnoloxías habilitadoras, “facendo do centro un referente na investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións e reforzando o papel da UDC na comunidade científica mundial”.
A listaxe de Stanford ofrece dúas clasificacións: unha baseada na traxectoria profesional completa dos investigadores, e outra centrada nos logros do último ano. Na primeira, recoñécense figuras de alto prestixio internacional como Alejandro Pazos e Amparo Alonso Betanzos, do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, así como Tiago M. Fernández Caramés e Paula Fraga Lamas, do Departamento de Enxeñaría de Computadores, entre outros membros do CITIC.
Os seis investigadores do CITIC forman parte dos 23 membros da UDC incluídos na World’s Top 2% Scientist List, o que reafirma a súa posición como un referente en ciencia e tecnoloxía e impulsa o impacto da súa produción científica a nivel global.