Sony anuncia a morte dos xogos en disco
mércores, 1 de xullo do 2026
A apertura de reservas de Grand Theft Auto VI espertou o debate sobre o futuro dos xogos en formato físico tras saberse que a versión que se vendería en tendas non incluiría disco, senón un código para que o usuario poda engadir o xogo á súa colección dixital, pechando a porta ao mercado da segunda man, tan importante para moitas tendas de videoxogos.
Pero este debate vén de pecharse de vez, xa que Sony Interactive Entertainment anunciou hoxe que «respondendo ás tendencias cambiantes nas preferencias dos consumidores, os novos xogos que se lancen en PlayStation Store e as tendas chegarán só en formatos dixitais».
Concretan que a produción de discos físicos para os xogos de consolas PlayStation rematará a partir de xaneiro de 2028, data na que os títulos pasarán a distribuírse unicamente en formato dixital, transición que non afectará aos xogos que se lancen antes da data fixada.
Peche das tendas de PS3 e PS Vita
Mentres aposta firmemente pola distribución de xogos en liña, anuncian que a PlayStation Store para PlayStation 3 e PS Vita pechará en xullo de 2027, polo que quen conserve unha destas consolas non poderá mercar xogos para esas máquinas. Ofrecerán un período de graza tras o que os usuarios poderán descargar os xogos que mercaran anteriormente, pero este período non será ilimitado, polo que finalmente será imposible descargar os xogos que se adquirisen dixitalmente, como confirmación de que as compras dixitais non son tal realmente, senón unha simple licenza de uso de duración indeterminada.
A postura de Microsoft
Falar dunha reacción a estes anuncios por parte de Microsoft sería esaxerado, pois na práctica a Xbox está nun estado case comatoso, especialmente en Europa, onde as consolas da marca levan moitos meses sen distribución en tendas, e os discos físicos cos xogos son practicamente imposibles de atopar en tendas tradicionais.
Pese á tal lamentable situación, apareceron indicios de que hai empregados de Xbox probando unha nova funcionalidade chamada Disc2Digital que permitiría converter os xogos físicos de Xbox One e Xbox Series X en copias dixitais (para que non fose preciso introducir o disco cada vez que se queira xogar), función que non se aplicaría aos títulos para Xbox 360 e a Xbox orixinal.
O sorprendente desta función é que aseguran que a copia dixital podería trasladarse entre contas de usuario, ou sexa, que quen teña a copia física é quen pode gozar da copia dixital, o que non pecharía a porta á venda de segunda man.
Situación complexa para as tendas
Tras o anuncio de Sony, as redes sociais inundáronse de comunicados de estudios, editoras, distribuidoras e tendas de videoxogos manifestándose no que consideran que é a morte do formato físico ou, cando menos, dos xogos en disco. Falamos dun cambio radical que podería levar ao cesamento de actividade de moitas destas empresas, xa que o seu negocio está moi ligado ás copias físicas.
A cadea de tendas GAME decidiu rachar o seu silencio sobre o tema e publicar un comunicado no que defenden a coexistencia entre formatos físicos e descargables, asegurando que a desaparición da edición física supón un ataque á liberdade (ou sexa, que impide revender, coleccionar, conservar e mesmo elixir onde mercar) e aseguran que a súa loita será a aposta polo formato físico.
Tamén compañías como Meridiem Games, distribuidora e editora (principalmente en formato físico) de títulos como Blasphemous, Sifu, Cuphead, Black Myth Wukong e moitos outros, asegura que o formato físico é parte da súa identidade e seguirá no seu ADN, e pretenden resistir, como veñen facendo dende 2014, pero, aínda que aseguran que esta non é a fin do seu camiño, resulta evidente que van ter serios problemas para sobrevivir se non poden editar xogos para PlayStation 5 que queiran ir máis aló dun código nunha caixa.
A galega Todoconsolas tamén lanza un comunicado en defensa do formato físico pola «liberdade de elixir onde, cando e como mercar». Aseguran que apoiarán sempre ás empresas que aposten polo formato físico e por todo o que representa.
Outra importante tenda dixital, Xtralife, con 18 anos de actividade, tamén publica o seu respectivo comunicado, considerando que o anuncio de Sony é «un golpe directo á nova comunidade» e asegurando que seguirán traballando mentres haxa editoras que lancen edicións físicas.
Todas estas mensaxes teñen como nexo común a reivindicación do formato físico, pero en todos os casos feita dende unha posición carente de forza, xa que é Sony a empresa responsable da duplicación das copias para as consolas PlayStation, e se estas desaparecen a redución dos produtos para a súa comercialización (e a desaparición do negocio da segunda man) faría que a meirande parte de negocios non sexan rendibles, polo que parece previsible que estas compañías inicien un proceso progresivo de reestruturación que en moitos casos suporá a disolución das empresas que non poden sobrevivir sen a base do seu negocio.
Cómpre lembrar que Nintendo aínda mantén os xogos en cartucho, pero o volume de negocio da Nintendo Switch, especialmente no mercado de segunda man, está moi lonxe do das consolas PlayStation (ao ter un perfil de xogador moi diferente), polo que, aínda que o coleccionismo de videoxogos non vaia desaparecer totalmente, está gravemente ferido.
