Sony estrea auriculares sen fíos en formato de clip

mércores, 21 de xaneiro do 2026 Marcus Fernández

Tras os Huawei FreeClip, os Bose Ultra Open Earbuds e os OpenDots One de Shokz, chega agora Sony cos seus novos auriculares sen fíos LinkBuds Clip, que a compañía xaponesa presenta como unha innovación polo seu estilo aberto estilo clip para permitir gozar da música e do mundo real ao mesmo tempo.
O deseño aberto facilita seguir conversas, escoitar o tráfico ou atender avisos sen ter que retirar os auriculares, cun enfoque que a marca define como socialmente respectuoso e con menor fatiga auditiva ao non exercer presión no conduto auditivo.
Os LinkBuds Clip presentan unha estrutura en forma de C que non invade o oído e que se adapta a unha ampla variedade de formas grazas á combinación do corpo principal e dunha banda superior flexible. O conxunto complétase con almofadas de axuste opcionais que permiten modificar a posición da banda para mellorar a estabilidade, tamén en actividades ao aire libre como correr. Aseguran que este formato garante comodidade durante longos períodos de uso e unha suxeición segura no día a día.
Os auriculares incorporan tres modos de escoita que se poden alternar cun simple toque. O modo estándar prioriza a calidade sonora e o detalle das voces; o modo Voice Boost amplifica a fala en espazos ruidosos como estacións ou zonas concorridas; e o modo Sound Leakage Reduction reduce a fuga de son para evitar molestias a terceiros en espazos tranquilos.
Sony traslada aos LinkBuds Clip parte da experiencia acumulada na súa gama premium, cun son natural e expansivo a pesar do deseño aberto. Inclúen tecnoloxías como DSEE para o escalado de música, 360 Reality Audio con personalización, efecto de música de fondo e un ecualizador de 10 bandas configurable desde a aplicación Sony | Sound Connect, que tamén permite atopar axustes personalizados de forma automática.
Para as chamadas, os auriculares recorren a un sensor de condución ósea combinado cun sistema de redución de ruído baseado en intelixencia artificial, co obxectivo de manter a voz clara mesmo en ambientes con moito ruído, o que supón unha mellora notable na calidade das comunicacións fronte a outros auriculares abertos.
Os LinkBuds Clip apostan tamén polo deseño como elemento diferencial, ofrecéndose en varias cores para adaptarse ao estilo persoal de cada usuario e podendo personalizarse con fundas e almofadas opcionais.
Contan cunha autonomía de ata 37 horas de uso estoxo de carga e carga rápida, que proporciona unha hora de reprodución tras só tres minutos enchufados. Teñen resistencia á auga con certificación IPX4, conexión multipunto para alternar entre dispositivos e controis por toque, así como unha función de escoita baseada na situación que adapta o son ao entorno e á actividade do usuario.
Poden adquirirse xa en catro cores distintas (lavanda, negro, gris claro e verde) a un prezo oficial de 199 euros.

Vídeo promocional dos novos auriculares de Sony