Susana Ladra recolleu o Premio Ada Byron na Universidade de Deusto

luns, 2 de novembro do 2020 Redacción

A profesora da Facultade de Informática da Universidade da Coruña Susana Ladra recolleu o pasado xoves o VI Premio Ada Byron á Muller Tecnóloga na categoría nova nun acto de entrega que tivo lugar na Universidade de Deusto. O galardón ten como obxectivo fomentar as vocacións femininas no campo da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico e poñer en valor a importancia da tecnoloxía en todos os ámbitos da vida e para o desenvolvemento social, así como o traballo e logros por parte de mulleres.
Susana Ladra, doutora en Informática e graduada en Matemáticas, foi recoñecida entre un total de 54 candidaturas pola súa formación, actividade profesional no sector tecnolóxico, implicación en difusión social, capacidade de superación e participación en iniciativas para propiciar cambios cara unha maior igualdade.
Ademais de directora do Campus Innova e investigadora do CITIC, Susana Ladra é profesora titular de Linguaxes e Sistemas Informáticos na Facultade de Informática da UDC e vicepresidenta do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Tamén é coordinadora do programa STEMbach na UDC, que ten como fin promover a vocación do alumnado cara a investigación científica. Así mesmo, forma parte do grupo de traballo da Cidade das TIC e foi socia fundadora e vicepresidenta do nodo galego da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT-gal). Actualmente está moi implicada na divulgación científica e na visibilización da muller na enxeñería.
Durante o seu discurso no acto de entrega, Susana Ladra afirmou que as mozas non estudan enxeñería non porque non lles gusta senón porque non a coñecen. Neste senso resaltou que «é fundamental a divulgación científica e tecnolóxica e introducir estas materias na educación primaria e secundaria».

PUBLICIDADE