Telefónica completa o despregamento de 4G en Ferrol

mércores, 13 de maio do 2015 Redacción

Telefónica vén de anunciar que o despregue de tecnoloxía 4G en Ferrol chegou ao seu remate. Deste xeito, incide a operadora, a poboación da cidade poderá gozar de velocidades de navegación en Internet de ata 100 Mbps “en todas as súas rúas e barrios”. Os traballos levados a cabo pola firma durante os últimos meses implicaron o fornecemento de tecnoloxía de banda larga móbil ultrarrápida en 11 estacións base urbanas. Sinalar que estas infraestruturas operaban ata o intre dos cambios con redes 2G e 3G. Ferrol únese así á listaxe de cidades galegas que Telefónica cubriu ao completo con tecnoloxía 4G, listaxe na que xa están Santiago, Vigo e A Coruña.
Volvendo a Ferrol e aos traballos desenvolvidos de adaptación á nova tecnoloxía, sinalar que amais das modificacións e actualizacións realizadas nas estacións base, procedeuse a conectar estas infraestruturas coa rede de fibra óptica da operadora, “mellorando desta maneira o servizo de transmisión de datos ao contarse cos factores adaptabilidade e flexibilidade deste medio de transporte, que permite ampliar a capacidade ou tráfico de datos cursado en situacións de alta demanda”. Lembrar que as velocidades de navegación de ata 100 Mbps deixan ampla marxe para a descarga e o intercambio instantáneo de arquivos como música, contidos de alta definición. Tamén posibilitan as mellores condicións para o uso de videoxogos en liña.
Telefónica engade que continuará levando 4G a outros puntos de Galicia durante os vindeiros meses, ampliando para iso o número de estacións base en servizo que contan con esta tecnoloxía. “Este feito”, explica a operadora, “suporá un aumento da cobertura en interiores e unha maior capacidade da rede, o que lle permitirá estar preparada para o previsible incremento nos próximos anos do uso de terminais 4G e da demanda de datos”.