Telefónica e o Grupo VARPA do CITIC revolucionan a oftalmoloxía con IA e 5G
luns, 29 de marzo do 2021- De esquerda a dereita (superior): Jorge Novo e Marcos Ortega; o doutor Fernández Vigo; e os especialistas en oftalmoloxía do CIOA José Ignacio Fernández-Vigo, Ignacio Almorín Fernández-Vigo e Bachar Kudsieh/ Na fileira inferior o membro do CITIC Pablo Guillemette e o responsábel do proxecto en Telefónica Innovación, Juan Cambeiro
A
Universidade da Coruña (UDC) achegou este luns máis detalles do
proxecto de Intelixencia Artificial en 5G no que participan os
investigadores do Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de
Patróns (VARPA), con centro de operacións no Centro de
Investigación TIC (CITIC). Segundo recordou a
UDC, o sistema Ocuexplorer 5G é unha ferramenta de teleoftalmoloxía
que opera achegando asistencia ao profesional deste ámbito poñendo
a súa disposición tecnoloxías ópticas e de telecontrol,
comunicacións 5G e ferramentas de IA para axudar na prevención
de diagnóstico de doenzas oculares.
O
proxecto está impulsado por Telefónica, en colaboración con Nokia,
o Centro Internacional de Oftalmología Avanzada Prof. Fernández
Vigo, Idronia e o Grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de
Patróns (VARPA).
O
caso de uso Ocuexplorer 5G, que xa se está utilizando na clínica
oftalmolóxica do Prof. Fernández-Vigo en Madrid e que se probará
na cidade de Vigo, desenvólvese no marco da primeira convocatoria de
subvencións para impulsar o 5G do Ministerio de Asuntos Económicos
y Transformación Digital a través de Red.es con fondos FEDER.
Segundo
engade a UDC máis en detalle, Ocuexplorer 5G consiste “nun
dispositivo oftalmolóxico baseado en ópticas e sensores
electrónicos avanzados que veñen do mundo da Fórmula 1 (extrema
sensibilidade en contornas lumínicas complicadas) e pode levarse
preto do paciente para realizar varias probas oftalmolóxicas
(análises multicapa das distintas partes da anatomía do globo
ocular)”. Ademais, grazas á cobertura 5G, “esta información de
gran volume captada por Ocuexplorer (ata 500 imaxes por segundo de
alta resolución e baixa compresión) é transmitida en tempo real a
un sistema avanzado de Intelixencia Artificial que realiza unha
análise previa das mesmas”.
Este
sistema de IA baseado nos algoritmos de Visión Artificial permite
realizar un screening de cantidades masivas de
información e notifica a un oftalmólogo cada vez que se
identifique, por exemplo, unha retinografía con parámetros que se
saian da normalidade, “para que sexa examinado de maneira axeitada
polo doutor”, explica a UDC, engadindo que “en caso necesario, un
médico podería conectarse remotamente ao dispositivo e tomar o
control remoto do dispositivo para realizar probas máis
exhaustivas”.
A
finalidade deste dispositivo, conectado por 5G e apoiado na IA, é
dobre: por unha banda facer accesíbel a oftalmoloxía máis avanzada
a colectivos que hoxe en día teñen difícil acceso a estes servizos
(como poden ser zonas rurais, zonas afastadas de calquera núcleo
urbano ou pacientes con problemas de mobilidade) e pola outra ofrecer
aos oftalmólogos unha ferramenta diagnóstica que lles permita
mellorar a súa eficiencia, aplicando os seus coñecementos naqueles
casos onde realmente se necesitan.
Para
a fase de validación de Ocuexplorer con pacientes reais, Telefónica
contou con Nokia para o despregamento de cobertura 5G na cidade de
Vigo, así como o despregamento dun centro de edge computing
na Coruña, que aloxará a capacidade de cómputo necesaria para o
diagnóstico e, nun futuro, permitirá o telecontrol do robot por
parte dun especialista en remoto grazas á súa baixa latencia.