Telefónica faise cos dereitos audiovisuais residenciais de LaLiga para 2019-2022

luns, 25 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Tras varios anos nos que os dereitos de retransmisión do fútbol foron motivo de toda unha guerra entre os operadores de telecomunicacións, chegando a uns volumes económicos desorbitados, este ano as compañías parecían terse retirado da poxa, ante as esixencias económicas de LaLiga, consideradas unanimemente inasumibles, de aí que resultase toda unha sorpresa o anuncio de Telefónica de ser resultado adxudicataria provisoria dos dereitos de emisión de todos os partidos da LaLiga para o mercado residencial na modalidade de pago para o ciclo 2019-2022 dos lotes 4 e 5. O lote 4 comprende un partido de Primeira División por xornada (en aberto ou de pagamento) en exclusiva, 6 partidos da fase de ascenso en non exclusiva e resumos de Primeira e Segunda División en non exclusiva; mentres que o lote 5 inclúe o Canal LaLiga Primera ou equivalente, 8 partidos de cada xornada de Primeira División de pagamento en exclusiva, 6 partidos da fase de ascenso en non exclusiva e resumos de todos os partidos de Primeira e Segunda División.
Mediapro, pola súa banda, fíxose co lote 2 (resumos en aberto e en exclusiva das competicións) e co lote 7 (Canal LaLiga TV ou equivalente, todos os partidos de Primeira División e Segunda División de pagamentos para a súa difusión en establecementos públicos en exclusiva, 6 partidos da fase de ascenso e resumos dos partidos de Primeira e Segunda División en non exclusiva).
Telefónica pagará 980 millóns de euros por cada unha das tres tempadas adxudicadas, o que supón unha redución dun 5% fronte á última tempada, e agora será que decida, deseñe e desenvolva os contidos que terán a partires da tempada 2019-2020 o selo Movistar.
LaLiga tería pactado así uns ingresos de 3.421 millóns de euros (uns 1.140 millóns de euros por tempada), volume de ingresos bastante importante, pero que estaría lonxe do que o organismo pretendía inicialmente, xa que dos 8 lotes que saíron a concurso ningún acadou o prezo de reserva. Só a metade dos lotes adxudicáronse de xeito provisorio e confían en poder adxudicar o resto (con contidos como a Copa do Rei e a Segunda División) nos vindeiros meses.