Telefónica presenta en Santander a rede de banda larga fixa e móbil “máis rápida de Europa”

xoves, 5 de setembro do 2013 Redacción

Luis Miguel Gilpérez, presidente de Telefónica España

Segue a dar que falar a 27 edición do Encontro de Telecomunicacións que organiza a Universidade Internacional Menéndez Pelayo de Santander. E segue a dar que falar, empresarialmente, para e sobre Telefónica, de feito a operadora é unha das principais impulsoras do evento, xunto coa UIMP. Sen ir máis lonxe, este xoves interveu no marco do encontro Luis Miguel Gilpérez, presidente de Telefónica España, que anunciou que a compañía está arestora mergullada no despregamento da que será “a mellor ultra-rede de banda larga integrada de Europa”. Segundo explicou, Telefónica áchase arestora nun vieiro de fonda transformación cara ao mundo dixital, un rumbo que entre outras cousas implica que as cousas sexan máis doadas en tódolos sentidos: tanto de cara ao cliente como no que atinxe á súa arquitectura de rede (impulsando as achegas combinadas de fibra óptica e LTE).
Gilpérez lembrou que Telefónica investiu en España en 2012 case 1.700 millóns de euros, “aproximadamente o 40% dos investimentos totais do sector, enfocados sobre todo ao despregamento de redes de nova xeración”. E engadiu: “No primeiro semestre de 2013 xa leva investidos máis de 627 millóns de euros para reforzar a construción desa rede Ultra BroadBand (UBB) que combina FTTH e LTE”. O rumbo de Telefónica, explicou, diríxese a desenvolver unha rede intelixente que permita a coexistencia das diferentes tecnoloxías de forma eficiente e que cubra as crecentes necesidades de conectividade dos clientes. A maiores, fixo saber que cifra de investimento acumulado de Telefónica en España, dedicada sobre todo á achega das devanditas redes ao longo dos últimos cinco anos, supera amplamente os 10.000 millóns de euros.
Gilpérez anunciou tamén en Santander o inminente inicio do despregamento de LTE por parte da firma española. A operadora contará con Alcatel-Lucent e Ericsson como subministradores para realizar os traballos. Ambas as compañías terán que fornecer infraestrutura en ao redor de 2.200 nodos en 2013, até acadar a cifra de 3.000 nodos no primeiro trimestre de 2014. No presente exercicio o obxectivo é cubrir ao redor de 60 cidades de máis de 100.000 habitantes. A banda de frecuencias na que se despregará inicialmente a rede LTE de Telefónica en España será a de 1.800 Mhz, até que estea dispoñíbel a de 800 Mhz que ficará liberada polo dividendo dixital. “Desta maneira”, sinalou Gilpérez, “as velocidades máximas de transmisión dos datos en mobilidade que este primeiro despregamento permitirá aos clientes de Movistar serán de até 75 Mbps de baixada e 25 Mbps de subida”.

PUBLICIDADE