Telegram achegará ás autoridades o enderezo IP e o número de teléfono dos usuarios que violen as súas normas

luns, 23 de setembro do 2024 Marcus Fernández

A prometida colaboración de Telegram coas autoridades tras a detención de Pavel Durov en Francia para estar a concretarse, e pasarían de ignorar as solicitudes das autoridades ante casos delituosos a achegar enderezos IP e números de teléfono dos usuarios segundo adiantou Bloomberg.
A través de Telegram o propio Durov confirmou esta práctica ao anunciar melloras na función de busca da plataforma. Asegura que ante o feito de que houbese usuarios que abusaban das buscas para vender produtos ilegais organizaron un equipo de moderación que valéndose da IA conseguiu que as buscas fosen máis seguras, facendo inaccesible o contido identificado como problemático, así como tamén lembrou aos usuarios que denuncien se atopan contido perigoso ou ilegal.
Durov anunciou unha actualización nas condicións do servizo para indicar que os enderezos IP e os números de teléfono de quen viole as normas de Telegram poderán comunicarse ás autoridades competentes se así o solicitan dun xeito legalmente válido. Deste xeito buscan desincentivar o uso de Telegram por parte de delincuentes, promovendo un uso máis seguro da plataforma de comunicación.