A plataforma de mensaxería instantánea Telegram vén de sufrir un duro revés ao perder unha moción ante o Tribunal Supremo de Rusia coa que permitían impedir que os servizos da orde puidesen acceder a información de usuarios do servizo. A xuíza Alla Nazarova rexeitou o recurso de apelación contra o Servizo Federal de Seguridade (un dos organismos sucesores do KGB) que reclamaba a Telegram as súas claves de cifrado, solicitude que rexeitaron e ante a que agora terían 15 días para cumprila.
O fundador de Telegram, Pavel Durov, asegurou en Twitter que «as ameazas de bloquear Telegram agás que entregue datos privados dos seus usuarios non frutificarán. Telegram defenderá a privacidade e a liberdade», aínda que non parece telas todas consigo, xa que en Rusia están vixentes dende 2016 leis contra o terrorismo que inclúen a posibilidade de esixir aos servizos de mensaxería o descifrado das comunicacións dos seus usuarios.
Dende Telegram consideran que ceder as chaves de cifrado ao Servizo Federal de Seguridade (FSB) atentaría contra os dereitos constitucionais dos cidadáns rusos, xa que é preciso unha orde xudicial para acceder ás comunicacións privadas, mentres que dende as autoridades rusas defenden que as chaves de cifrado non poden considerarse información privada, polo que carecerían da protección constitucional.
Semella que durante as vindeiras semanas continuará a loita xudicial, que podería rematar co bloqueo de Telegram en Rusia, país no que o servizo ten máis de 9,5 millóns de usuarios, xa que os responsables da plataforma non gustan do feito de as autoridades rusas poidan acceder ás comunicacións dos seus usuarios.
Telegram ten 15 días para entregar as súas chaves de cifrado ao FSB
Compartir Este Artigo
