Televés acolleu o lanzamento dunha iniciativa europea de seguridade para o fogar smart, o proxecto GHOST

martes, 9 de maio do 2017 Redacción

As instalacións de Televés en Compostela veñen de acoller o lanzamento de GHOST, proxecto europeo para equipar cun extra de seguridade smart o ámbito do fogar conectado. Na posta en marcha oficial desta iniciativa europea fíxose saber, máis en detalle, que o seu principal obxectivo é “desenvolver unha aplicación doada de empregar para mellorar a privacidade no fogar dixital conectado á Internet das Cousas”, o que se coñece como IoT (polas súas siglas en inglés). E todo isto, explicou a empresa compostelá, “tirando proveito das tecnoloxías máis avanzadas dispoñíbeis para a dita finalidade”. A compañía engadiu tamén que a seguridade e o extra de confianza que introduce GHOST será sen dúbida un pulo para o mercado doméstico IoT.
O proxecto, de feito, salienta por poñer os máis innovadores sistemas de salvagarda e protección de datos e comunicacións (tecnoloxías como blockchain ou deep packet inspection) ao alcance de todos nós, con independencia de que sexamos ou non expertos.
GHOST, informou Televés, ten un orzamento de 4,9 millóns de euros e un período de desenvolvemento de 36 meses. Conta co respaldo do Programa Marco de Investigación e Innovación da Unión Europea Horizonte 2020, baixo o acordo de subvención número GA-740923. Dez empresas, organizacións e universidades de seis países forman parte do proxecto, que está liderado por Televes.
GHOST prevé “unha contorna transparente de ciberseguridade para todos os europeos que viven nun mundo conectado”, engadiu a firma de Santiago, engadindo que o esforzo de adaptación dos consumidores á dita contorna “será mínimo” e valeralles, entre outras cousas, para seren conscientes dos riscos da seguridade cibernética e, en consecuencia, estarán mellor habilitados para actuar de maneira axeitada ante eles. Neste senso, Televés lembra que a misión última do proxecto é “obter a primeira xeración de solucións de redes de seguridade aplicábel para fogar intelixente e habilitada por software innovador”, ou sexa, por software con capacidade para marcar un antes e un despois na evolución da tecnoloxía.
“A tecnoloxía GHOST”, explicaron fontes da firma compostelá de equipamentos para as telecomunicacións avanzadas e o fogar dixital, “aumentará o nivel e a eficacia da automatización dos servizos de ciberseguridade existentes, mellorará a autodefensa do sistema e abrirá a caixa negra de ciberseguridade aos consumidores, xerando confianza a través de ferramentas avanzadas de transparencia derivadas dos modelos mentais dos usuarios finais”.
En termos prácticos de aplicación, o software resultante fará cousas como integrarse nas pasarelas de redes domésticas e realizar análises de rede e inspección pormenorizada de paquetes no camiño do recoñecemento de patróns sospeitosos, aplicará aprendizaxe de máquina e exame de datos para a detección de comportamento malicioso, e levará a cabo unha avaliación de riscos en tempo real.

PUBLICIDADE