Temu deixa de vender nos EE.UU. produtos importados da China

luns, 5 de maio do 2025 Redacción

A cadea chinesa de produtos a prezos reducidos Temu viuse obrigada a reformular a súa estratexia comercial nos Estados Unidos a raíz da entrada en vigor o pasado venres dunha orde executiva asinada por Donald J. Trump, que elimina a chamada regra de minimis, que desde 2016 permitía a entrada libre de aranceis de produtos cun valor inferior a 800 dólares.
A partir desta nova situación, Temu deixou de ofrecer artigos enviados directamente desde China, que eran a base do seu catálogo, e pasa a amosar unicamente produtos en almacéns dentro do territorio estadounidense. Os artigos que antes se enviaban desde China agora figuran como esgotados.
Esta viraxe responde tamén á imposición por parte de Trump de aranceis do 145 % aos produtos chineses. Como consecuencia, Temu tivo que suspender a súa campaña publicitaria agresiva e adaptarse á nova realidade aumentando prezos e modificando a súa oferta. Unha voceira da empresa confirmou que agora todas as vendas nos EE.UU. son xestionadas por vendedores locais e que os produtos se envían «desde dentro do país».
Ata hai poucos días, os consumidores que intentaban comprar artigos enviados desde China víanse obrigados a asumir cargos de importación que chegaban ao 150 %, superando moitas veces o prezo do propio produto. Agora, Temu promociona que os produtos locais non teñen cargos adicionais nin custos sorpresa na entrega.
Tamén Shein, outra empresa que se beneficiaba da regra de minimis, comezou a subir prezos e a incluír os aranceis nos importes que mostra ao consumidor. De non mudar a situación en breve, este tipo de negocios poderían estar condenados á súa desaparición nos EE.UU.