Teorías da conspiración que asocian a 5G co coronavirus provocan lumes en antenas de telefonía no Reino Unido

luns, 6 de abril do 2020 Marcus Fernández

Nas últimas semanas comezou a circular unha teoría conspiranoica que apunta irracionalmente a que as redes 5G poderían ser responsables do rápido espallamento da COVID-19, cando resulta evidente quen non absolutamente ningunha evidencia nin indicio que reforce tal absurda teoría. Os conspiracionistas sosteñen nuns casos que as redes 5G poderían suprimir o sistema inmunitario, mentres que outras teorías asegurarían que os virus poden comunicarse a través das ondas de radio, ideas que poden desbotarse directamente polo feito de que a presenza das redes 5G é realmente ridícula, e o coronavirus está a afectar duramente a moitos países e territorios nos que as redes 5G aínda non están presentes.
Pero estas tolas teorías están a confirmar o perigo da desinformación, xa que en Birmingham, Liverpool e Melling (Merseyside) rexistraron lumes en mastros de antenas de telefonía móbil provocados por cidadáns irresponsables que tomaron por certas as falsidades que leron na Internet e decidiron actuar individualmente, violando a lei e podendo incluso provocar un serio prexuízo á colectividade, xa que o bo funcionamento das telecomunicacións é crucial nun momento como o actual.
A petición das autoridades, dende YouTube xa están a eliminar os vídeos nos que simplemente se sosteña algún tipo de teoría da conspiración sobre redes de telefonía móbil 5G, incluso sen mencionar ao coronavirus, xa que os efectos que están a provocar estes contidos son realmente perigosos, xa que poden afectar á conectividade non só dos cidadáns, senón tamén dos servizos de emerxencias.

PUBLICIDADE