Thais Pousada (CITIC) imparte en Valencia un obradoiro sobre tecnoloxías inclusivas
martes, 28 de maio do 2024
A investigadora do CITIC Thais Pousada, doutora en Ciencias da Saúde e terapeuta ocupacional, participou este sábado 25 no congreso EsLibre 2024 celebrado en Valencia e que deu comezo o venres 24. Nel impartiu o obradoiro titulado Recursos Tecnolóxicos para a Comunicación e Participación das Persoas con Discapacidade. O obxectivo do taller foi achegar o coñecemento de diferentes recursos de tecnoloxía libre que facilitan os procesos de comunicación.
En concreto, a investigadora do CITIC falou sobre aplicacións e programas libres permiten mellorar as posibilidades de comunicación entre aquelas persoas que enfrontan dificultades debido á súa situación de saúde e resaltou “que a tecnoloxía debe servir como un recurso facilitador para todos estes colectivos, especialmente entre os que buscan superar barreiras na comunicación”.
Os participantes tiveron a oportunidade de familiarizarse con ferramentas para confeccionar taboleiros de comunicación, axendas virtuais, secuencias de actividades e mellorar o acceso a diversos dispositivos. Todo iso co fin de crear recursos válidos e adecuados para promover a participación e a inclusión das persoas con discapacidade, utilizando a tecnoloxía en beneficio da comunidade.
Thais Pousada é recoñecida polo seu traballo en investigación, especialmente no deseño de solucións en 3D e aplicación de realidade virtual para persoas con discapacidade a través de diversos proxectos como o programa Talentos Inclusivos do CITIC. Ademais, colabora con varias organizacións sen ánimo de lucro, incluíndo a Federación ASEM e a Federación Española de Enfermidades Raras, e é membro da Xunta Directiva de Enxeñería sen Fronteiras (ESF) Galicia.