The Witcher terá serie de Netflix

xoves, 18 de maio do 2017 Marcus Fernández

A saga de Geralt de Rivia do escritor polaco Andrzej Sapkowski conta con numerosas adaptacións en forma de banda deseñada, xogos de mesa, xogos de carta e, moi especialmente, os videoxogos, coa grande serie The Witcher de CD Projekt, presentando un mundo fantástico medieval no que un bruxo cazador de monstros a soldo vive numerosas aventuras que cativaron a millóns de xogadores de todo o mundo, e que van dar agora un importante paso para a súa popularización: inspirar unha serie de Netflix.
O vicepresidente de Netflix, Erik Barmack, confirmou que xa estaban a traballar neste proxecto, mentres que o autor da obra orixinal recoñece o seu temor ante a adaptación, á vez que asegura estar entusiasmado por que leven á vida os personaxes nos que leva máis de trinta anos traballando.
A cargo da serie estarán os produtores executivos Sean Daniel e Jason Brown (da serie The Expanse) e Tomek Baginski (autor da curta nomeada a un Oscar The Cathedral) e Jarek Sawko (da compañía polaca de efectos especiais Platige Image).
Curiosamente non anunciaron nin a data de estrea da serie e nin sequera se estariamos ante unha produción xerada por ordenador ou con actores reais.

PUBLICIDADE