Threads abriu as súas portas anticipadamente

xoves, 6 de xullo do 2023 Marcus Fernández

Aínda que estaba previsto que a alternativa a Twitter de Instagram vese a luz esta mesma tarde nos EE.UU., finalmente decidiron adiantar o lanzamento e a pasada noite abriuse ao público Threads, unha nova aplicación social baseada no texto, que emprega as contas de usuario de Instagram como base para o seu funcionamento, e que só tardou 7 horas en acumular 10 millóns de altas, no que semella unha reacción directa dos límites establecidos en Twitter durante a pasada fin de semana (que deron a impresión de que a plataforma de Elon Musk ten serios problemas para sobrevivir).
Threads está orientada ás novidades, ás actualizacións en tempo real e ás conversas públicas, polo que pode complementar a Instagram e Facebook, que funcionan dun xeito máis relaxado, aínda que polo momento o novo servizo ten limitacións que dificultan que poida substituír a Twitter dun día para outro (como o feito de carecer de cancelos ou non permitir visualizar as publicacións só das persoas ás que sigamos).
Actualmente Threads permite publicacións de até 500 caracteres de longo adxuntando ligazóns, fotografías e vídeos de até 5 minutos de duración, contando tamén cun botón que facilita compartir as publicacións nunha historia de Instagram ou como ligazón noutra plataforma.
Threads xa conta con ferramentas para evitar a toxicidade dende o seu inicio, e cómpre salientar que promete ser compatible con ActivityPub, o protocolo co que opera Mastodon (e co que tamén pretende operar Tumblr) dando a entender que a interacción entre plataformas sociais será máis orgánico no futuro.
Cómpre salientar que aínda que Threads están a espallarse por máis de 100 países, descoñécese cando verá a luz en Europa (pois teñen que ofrecer certas garantías de cara á protección de datos). Un detalle que dá a entender que o tratamento que fan dos datos pode ser problemático é que actualmente se te das de alta en Threads e logo queres darte de baixa precisas borrar completamente a túa conta de Instagram, o que non parece razoable.
Aínda que a aplicación non está dispoñible oficialmente en Europa, é posible descargala e instalala e usala, aínda que para darse de alta é preciso facelo dende un enderezo IP nun país no que a aplicación está dispoñible oficialmente.

PUBLICIDADE