Threads chega aos 400 millóns de usuarios activos

martes, 12 de agosto do 2025 Redacción

Adam Mosseri foi o encargado de anunciar a nova marca de usuarios activos de Threads

Threads, a rede social de Meta lanzada como alternativa a X, segue gañando terreo e supera os 400 millóns de usuarios activos ao mes, segundo o máximo responsable de Instagram, Adam Mosseri. A cifra supón 50 millóns máis que hai apenas uns meses e queda moi lonxe dos 175 millóns que rexistraba arredor do seu primeiro aniversario o pasado verán, e a unha distancia sideral dos 38 millóns de usuarios que rexistra Bluesky.
Lanzada en xullo de 2023 cun récord histórico de 100 millóns de rexistros nos primeiros días, Threads naceu como a mellor baza de Meta para competir con X, a plataforma de Elon Musk. Segundo os últimos datos, a aplicación está a achegarse a X no uso diario en móbiles. Estiman que en xuño Threads alcanzou 115,1 millóns de usuarios activos diarios en dispositivos móbiles, un 128 % máis que o ano pasado. X mantén a dianteira con 132 millóns, pero en retroceso, cunha caída superior ao 15 % interanual.
Meta insiste en que Threads non pretende ser unha copia de X. O 63 % das publicacións son só de texto e os usuarios diarios seguen menos da metade das contas que teñen en Instagram, o que está a favorecer a creación de comunidades propias con ton máis amigable, como Bookthreads para afeccionados á lectura, ou espazos dedicados ao baloncesto e á música. A plataforma tamén engadiu funcións como temas en tendencia, marcadores deportivos en directo, unha API para publicacións automáticas e integracións co fediverso para interactuar con redes como Mastodon.