TikTok abandona Hong Kong

martes, 7 de xullo do 2020 Marcus Fernández

A aplicación móbil de maior pulo a nivel mundial é actualmente TikTok, sendo o primeiro grande éxito deste tipo que chega dende China, o que está a crear certa preocupación en moitos territorios, de xeito que incluso nos EE.UU. están a discutir o posible bloqueo da aplicación por considerar que é un risco permitir que unha aplicación social chinesa teña un uso masivo que facilite a vixilancia de usuarios estadounidenses e a difusión de propaganda controlada polo goberno chinés. EE.UU. non é o único país que adoptaría medidas semellantes, xa que TikTok (xuntou a outras aplicacións de orixe chinés) vén de ser prohibido na India e o goberno de Australia tamén está a estudar a posibilidade de seguir o mesmo camiño.
Resulta curioso que a propia TikTok anuncie que vai abandonar Hong Kong despois de que se anunciase que este territorio vai someterse a unha nova lexislación de seguridade chinesa. A compañía tamén declarou en numerosas ocasións que non cedería ás peticións do goberno chinés para censurar contidos ou facilitar o acceso a datos dos seus usuarios, aínda que na práctica incluso eliminaron (supostamente por erro) publicacións de usuarios de fóra de China, o que pon moi en dúbida a fiabilidade desta plataforma social propiedade da chinesa ByteDance.
A estratexia de ByteDance consiste basicamente en separar as unidades de negocio de China e do exterior, de xeito que mentres que a nivel global operan con TikTok, dentro do territorio chinés teñen unha plataforma análoga chamada Douyin, que polo momento non ten previsto o seu desembarco en Hong Kong (aínda que parece a única solución se queren manter a actividade da compañía en Hong Kong).

PUBLICIDADE