TikTok e o resto de aplicacións de ByteDance bloqueadas nos EE.UU.

luns, 20 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

O pasado venres o Tribunal Supremo dos EE.UU. deixaba claro que non pretendía prorrogar o prazo dado a ByteDance para que vendese a súa participación na división norteamericana de TikTok para que a compañía non puidese ser controlada por un axente estranxeiro (China), polo que o domingo entraba en vigor a prohibición de TikTok e o resto de aplicacións de ByteDance (CapCut, Lemon8 e mesmo o xogo Marvel Snap).
Para evitar importantes sancións, os provedores de servizo de ByteDance nos EE.UU. executaron a orde xudicial, de feito que os usuarios deixaban de poder utilizar TikTok, amosando o servizo unha mensaxe na que se aseguraba que «estableceuse unha lei que bloquea TikTok nos Estados Unidos. Lamentablemente iso significa que por agora non poderás usar TikTok», engadindo unha matización moi polémica: «É unha sorte que o presidente Trump sinalara que traballará connosco para reinstaurar TikTok unha vez que tome a presidencia. Por favor, mantente ao tanto!».
Este xeito de comunicar o bloqueo do servizo considerouse como un xeito de ByteDance de pura propaganda a favor do novo presidente dos EE.UU., quen publicou en Truth Social que en canto tome posesión do cargo pretende adiar a prohibición de TikTok para facilitar un acordo que permita que ByteDance cumpra coas esixencias estadounidenses. A intención de Trump é que os EE.UU. teñan a metade do capital de TikTok a través dalgún tipo de joint venture.
Dende TikTok publicaron unha comunicación asegurando que chegaron a un acordo cos seus provedores pois, ante o compromiso de Trump de que non recibirían sancións, inician o proceso de restauración do servizo para que 170 millóns de cidadáns e 7 millóns de pequenos negocios de EE.UU. poidan volver a acceder a TikTok.
Aínda que algúns medios están a publicar que a aplicación só estivo fóra de servizo unhas poucas horas, non parece ser totalmente certo, e hoxe mesmo segue a estar inaccesible para moitos usuarios estadounidenses, pois moitas das compañías intermediarias están a cumprir co bloqueo de TikTok, xa que unha declaración dun presidente que aínda non tomou posesión do cargo non é lei, e permitir accesos ilegais a TikTok podería supor importantes sancións.
Aparte de bloquearse o acceso á Rede dende a aplicación temporalmente prohibida, as tendas de aplicacións de Apple e Google nos EE.UU. seguen a impedir a descarga de TikTok, Lemon8, CapCut e Marvel Snap.
Confíase en que, tras a toma de posesión de Trump, entre en vigor un prazo de 90 días previsto na lei para que ByteDance poida negociar unha saída á actual situación.