TikTok poderá seguir operando nos EE.UU. ata o 17 de setembro

xoves, 19 de xuño do 2025 Marcus Fernández

Un día despois da entrega en vigor da prohibición de TikTok nos EE.UU. tomou posesión da presidencia Donald J. Trump, e unha das súas primeiras medidas foi aprobar unha Orde Executiva instando ao Departamento de Xustiza a non executar ningunha acción contra TikTok durante os seguintes 75 días, para dar tempo a negociacións que puideran facilitar a venda da plataforma social a unha compañía estadounidense.
Esta primeira prórroga (considerada ilegal, xa que o presidente non está por enriba da lei, e en ningún momento procurou a derrogación que prohibe TikTok nos EE.UU. por motivos de seguridade nacional) non foi dabondo, e en abril repetiu a xogada asinando unha nova prórroga.
En vista de que a situación non mudou, Trump vén de asinar unha nova Orde Executiva que estende ata o 17 de setembro o tempo que dan a TikTok para buscar unha solución que facilite a súa legalización ao amparo da lei que entrou en vigor a primeiros de ano.
O presidente Trump deu conta desta prórroga na súa conta de Truth Social, deixando claro que se toma este asunto como algo persoal, aínda que semella ter máis que ver con que a continuidade de TikTok foi unha das súas promesas electorais, o que non deixa de ser rechamante, xa que el mesmo, durante o seu anterior mandato, asinou a primeira prohibición de TikTok, retirada finalmente polos tribunais.