Tres novas investigadoras predoutorais suman o seu talento ao Campus de Ferrol

mércores, 17 de xaneiro do 2024 S. P.

O Campus Industrial da Universidade da Coruña, situado en Ferrol, promove a convocatoria Talento en Formación, grazas ao cal veñen de incorporarse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) as investigadoras predoutorais Harriet Kumi, Isabel Robalo Cabrera e Ánxela Pérez. Dicir que as tres están matriculadas nun programa de doutoramento e desenvolven os seus traballos nalgunha das liñas estratéxicas do campus como a robótica, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore, a xestión industrial ou o desenvolvemento de produto.
Harriet Kumi (Ghana, África- 1992) cursou hai un par de anos estudos de Física no seu país de orixe e un máster en Nanociencia na Universidade de Euskadi. Arestora, está matriculada no Programa de Doutoramento en Física Aplicada. No curso académico 2022/2023, o convenio de colaboración asinado entre a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África para a posta en marcha do Programa de Bolsas Learn África no Campus Industrial de Ferrol permitiulle continuar afondando no campo da Física Nuclear da man do investigador Ramón y Cajal, Saúl Beceiro. Esta seguirá a ser a súa liña de traballo nos vindeiros catro anos no Laboratorio de Física Nuclear e de Altas Enerxías do CITENI.
Isabel Robalo Cabrera (Almería, 1998) é graduada en Enxeñaría Eléctrica con mención en Enerxías Renovábeis pola Universidade de Almería e, na actualidade, está matriculada no Programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial. Nos vindeiros catro anos, esta investigadora predoutoral tratará de atopar un índice que lle permita medir o impacto social que as instalacións de enerxía renovábel mariña e a terrestre teñen nas zonas nas que se implantan. Dirixen a súa tese, a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e integrante do grupo de Ciencia e Enxeñaría de Materiais do CITENI, Almudena Filgueira Vizoso, e o profesor e investigador da Universidade de Almería, Alfredo Alcayde García.
Ánxela Pérez Costa (A Coruña, 1997) é graduada en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto pola Universidade da Coruña. Na actualidade, está matriculada no Programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial. Baixo a titorización do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do CITENI, Florian Michaud, e da profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e investigadora do grupo RNASA- IMEDIR do CITIC, María de las Nieves Pedreira Souto, esta investigadora predoutoral estudará, nos vindeiros catro anos, a experiencia de uso e a interacción que as persoas teñen coa realidade aumentada cando usan este tipo de gafas no eido da cirurxía ortopédica.
Engadir que mediante a convocatoria Talento en Formación, o Campus Industrial da Universidade da Coruña ten contratados, por un período de catro anos, a un total de dez investigadores e investigadoras predoutorais. En xullo de 2022 incorporáronse ao CITENI e, máis concretamente, ao Grupo de Polímeros, Silvia Lage Rivera e Jesika Asatryan. Asemade, Francisco Bottero sumábase ao equipo do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica. En novembro de 2022, Sergio Roget Mourelle e José Manuel Ciriano Palacios, comezaban a traballar no Grupo Integrado de Enxeñaría e xa en maio de 2023, Sai Vempati incorporábase ao Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser e Doha Erlhoul iniciaba os seus estudos no eido da enerxía e a propulsión mariña. As tres últimas investigadoras predoutorais en formalizaren o seu contrato son as citadas Harriet Kumi, Isabel Robalo Cabrera e Ánxela Pérez Costa.
Alén disto, a dita convocatoria permitiu que o Campus Industrial da Universidade da Coruña contratase (tamén por catro anos) a outros catro investigadores e investigadoras postdoutorais: Florian Michaud incorporábase ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica e Zoia Haholkina ao Grupo de Polímeros. Despois, María Isabel Rial Hermina comezaba a traballar no Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (PROTERM) e logo Marius Bodor incorporábase ao Grupo de Polímeros. Cada un destes investigadores e investigadoras dispón de 30.000 euros para desenvolver o seu propio proxecto de investigación.
Grazas ás axudas ao Programa de Doutoramento Industrial outros dous estudantes accederon en 2022 a un contrato para realizaren a súa tese en colaboración con dúas empresas da contorna. Trátase de David Sánchez Canzobre, quen colabora activamente con Anta Norte e Tanausú Almeida Medina, con Coremarina Solutions.

PUBLICIDADE