Twin Shoes estrea unha aplicación móbil para coñecer o grao de atracción con outra persoa

venres, 14 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Para celebrar o Día dos Namorados, a plataforma en liña para a busca de parella estable Twin Shoes, emprendida por Itziar Villar, está a estrear a aplicación móbil para Android Cómo Saber si le Gusto, desenvolvida en colaboración coa compañía compostelá Invbit e que pode descargarse de balde para comprobar dende o móbil o grao de atracción que temos con outra persoa da que gustemos. A ferramenta permite interpretar os sinais de atracción que poden predicir unha historia de amor, o que pode facerse analizando unha mensaxe de WhatsApp, unha chamada ou a linguaxe corporal cando temos preto a esa persoa (dada a importancia que ten a comunicación non verbal nas relacións humanas).
Esta aplicación está pensada para empregarse cando gustamos dunha persoa e non temos o valor de dicirllo ou preguntarlle se o sentimento é recíproco, ou cando estamos iniciando unha relación sentimental e temos dúbidas sobre os sentimentos reais da outra persoa.
A mecánica de Cómo Saber si le Gustas é moi sinxela: elixes entre saber se gustas a un home ou a unha muller, elixes a categoría a analizar (WhatsApp, linguaxe persoal ou chamada), cubrimos un formulario e comprobamos a puntuación que indica o nivel de atracción, o que pode servir para mellora ra confianza de cara a iniciar unha relación ou avanzar na mesma ou, simplemente, para axudarnos a percibir certos sinais que normalmente ignoramos.

A nova aplicación de Twin Shoes está dispoñible de balde en Google Play

PUBLICIDADE