Twitter abandona o Código de boas prácticas en materia de desinformación da UE

luns, 29 de maio do 2023 Marcus Fernández

A Unión Europea ten un Código de boas prácticas en materia de desinformación que busca compromisos como desmonetizar a difusión de desinformación, garantir a transparencia da publicidade política, apoderar aos usuarios, fornecer a cooperación cos verificadores de datos e proporcionar aos investigadores un mellor acceso aos datos, que os actores máis relevantes da industria tecnolóxica acordaron en 2018 como unhas normas de autorregulación, estando agora en vías de formar parte dun marco regulador máis amplo, de aí que sorprenda que Twitter veña de abandonar este Código, xa que, como ben advirte o comisario europeo Thierry Breton, «podes correr pero non podes agocharte», xa que para Twitter a loita contra a desinformación pasará a ser unha obriga legal a partir do vindeiro 25 de agosto.
Breton lembra que xa están a traballar para facer cumprir a Lei de Servizos Dixitais, que deberán cumprir empresas como Twitter, Instagram, Facebook ou TikTok, así como Amazon, AliExpress ou Zalando, contribuíndo a crear unha Rede máis segura e fiable para os cidadáns europeos.
Non parece ter moito sentido que Elon Musk se negue a loitar contra a desinformación dende Twitter, xa que as sancións por non facer tal serían bastante elevadas e, aparte das multas, poderían chegar a provocar o bloqueo de Twitter no territorio europeo, o que sería un golpe durísimo para a compañía.

PUBLICIDADE