Twitter matará a aplicación de TweetDeck o 15 de abril

xoves, 17 de marzo do 2016 Marcus Fernández

O novo xeito de amosar a cronoloxía de Twitter é opcional

Os cambios en Twitter parecen querer chegar todos de vez, e non só o anunciado sistema que muda a cronoloxía dos usuarios para destacar os chíos máis importantes pasa agora a estar activado de xeito predeterminado (sendo posible desactivarse tal opción en calquera momento), senón que a compañía do paxaro azul unifica o sistema de identificación de twitter.com, analytics.twitter.com e tweetdeck.com, inicia unha serie de melloras na experiencia da versión web de TweetDeck e, finalmente, fai o preocupante anuncio de que o 15 de abril abandonarán o soporte da aplicación de escritorio para Windows de TweetDeck, medida que claramente molestará aos seus moitos milleiros de usuarios, xa que estamos ante a ferramenta de escritorio para a xestión de varias contas de Twitter simultaneamente máis popular (por ser oficial de Twitter e completamente de balde).
Lembremos que hai tres anos Twitter xa abandonou as versións móbiles e AIR de TweetDeck, deixando só as versións nativas de escritorio e a versión web que será a única que se manterá a longo prazo, aínda que dende Twitter detallan que para facilitar o uso de TweetDeck no futuro recomendan acceder a TweetDeck dende o navegador Chrome, ir alí ir á opción de Engadir ao Escritorio (dispoñible no menú de Máis Ferramentas) e, de marcar a opción de “abrir como fiestra” facilitarase o uso da versión web como se estivésemos ante a versión de escritorio da aplicación (aínda que con melloras a nivel de integración de contidos multimedia). Temos así que o cambio realmente non tería que ser traumático, aínda que para que os usuarios actuais de TweetDeck poida resultarlles cómodo cómpre seguir as mencionadas recomendacións de Twitter.

PUBLICIDADE