Un alumno do CEIP Rosalía de Castro (Xinzo) gaña o concurso de deseño da camiseta de Galiciencia 2023
luns, 27 de marzo do 2023
Galiciencia,
a maior feira
científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque
Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole
desde o ano 2006, inclúe na súa nova
edición (a 18, en maio), amais do tradicional concurso
de proxectos o xa
habitual concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia. Este
certame ía dirixido a todo o alumnado de Primaria dos centros
educativos de Galicia. As propostas debían ter como punto de
referencia calquera obxecto ou contorna relacionada coa
temática desta edición da feira, Aeronáutica
e Aeroespacial.
O gañador do certame
foi Manuel Ángel Díaz Rodríguez, alumno
de sexto curso do CEIP Rosalía de Castro de Xinzo de Limia
(Ourense). O seu debuxo amosa a un astronauta pensativo, sentado
sobre a Lúa. Un
xurado de expertos decidiu a proposta gañadora, da que se valorou a
súa orixinalidade e a conexión coa temática desta edición da
feira.
Ao certame presentáronse un total de 352 debuxos
procedentes de 23 centros educativos de Primaria de toda Galicia,
incrementándose cada ano o número de alumnos e centros
participantes neste certame. O rapaz premiado recibirá camisetas
para toda a súa clase, con exemplares tamén para os seus profesores
e familiares. Así mesmo, distribuiranse camisetas entre o persoal da
organización de Galiciencia e entre o alumnado que presente os seus
proxectos na feira.