Un artigo sobre tecnoloxía persuasiva da investigadora do CITIC Nelly Condori recibe unha distinción internacional

mércores, 13 de xullo do 2022 S. P.

Un artigo de Nelly Condori, investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, vén de ser recoñecido como Distinguished Paper como resultado da súa participación no XXV Ibero-American Conference on Software Engineering (CIbSE 2022), celebrado do 13 ao 17 de xuño en Arxentina.
No seu traballo Extending the Sustainability-Quality Model for supporting the design of Persuasive Software Systems, realizado en colaboración con Marcela Quispe-Cruz da Universidade de Arequipa (Perú), as investigadoras rescatan o concepto de tecnoloxía persuasiva para darlle un novo enfoque.
Segundo lembra o CITIC, a tecnoloxía persuasiva céntrase no deseño, investigación e análise de sistemas software que influencian no cambio de actitudes ou comportamentos das persoas. Esta vertente tecnolóxica, engade o centro coruñés, tivo a súa orixe na área da mercadotecnia (marketing) pero “hoxe en día pode ser utilizada como promotora dun comportamento sustentable”, por exemplo aumentando a conciencia dos consumidores sobre o consumo de enerxía; ou axudando a adquirir bos hábitos de alimentación.
Co fin de poder “incrementar a efectividade deste tipo de sistemas”, neste traballo acabado de distinguir no CIbSE as investigadoras propuxeron estender un modelo de calidade cunha serie de características específicas que favorecen a persuasión e a sustentabilidade.
CIbSE é o principal foro de investigación sobre Enxeñería do Software en Iberoamérica. O obxectivo principal desta conferencia é promover a investigación científica de alta calidade nos países iberoamericanos e, por tanto, apoiar aos investigadores desta comunidade na publicación e discusión do seu traballo. Ademais, a conferencia fomenta a colaboración entre académicos, estudantes e profesionais da industria.