Un eReader integrará Google eBooks
luns, 11 de xullo do 2011
O vindeiro domingo vai chegar ás tendas norteamericanas da cadea Target
o lector de libros electrónicos iriver Story HD a un prezo de 139,99 dólares (99,67
euros), ou sexa, a un prezo moi semellante ao do Kindle de Amazon, pero
destacando o novo trebello por ser o
primeiro eReader en integrar a plataforma aberta Google eBooks, de xeito
que permite a compra e lectura de textos en tal servizo a través de Wi-Fi.
O iriver Story HD é delgado, lixeiro, ten unha pantalla de 6 polgadas de tinta
electrónica de alta resolución (768 x 1.024 píxeles) e un teclado QWERTY, ou
sexa, que parece
un calco absoluto do Kindle, de xeito que se diferenciaría deste
dispositivo nos servizos asociados.
Actualmente Google eBooks conta con centos de milleiros de libros á venda e máis
de 3 millóns de libros de balde, permitindo o seu almacenamento na nube, o que facilita levar as
lecturas entre os eReaders e outros dispositivos (como smartphones, tablets ou ordenadores portátiles).
A integración de Google eBooks nun eReader podería indicar unha potenciación do
sector dos e-books por parte de Google, dun xeito semellante a como fixo co
lanzamento de Android nos móbiles, aínda que haberá que agardar uns meses para
ver se realmente é posible que compitan con Amazon e Barnes&Noble neste
competitivo mercado.
- As semellanzas entre o iriver Story HD e o Kindle de Amazon son evidentes