Un emprendedor galego achega nunha aplicación a diversidade cultural e social que lles faltaba ás emoticonas

venres, 31 de xullo do 2015 Fernando Sarasketa

O emprendedor galego Adrián Rodríguez vén de pór en marcha unha innovadora e pioneira iniciativa na Rede que, entre outras cousas, subministra aos internautas emoticonas xeométricas. O servizo chámase Emoji & Face e segundo nos conta Adrián, é a única aplicación do mundo centrada neste tipo de caracteres empregados para a nova comunicación en liña. A súa ferramenta, sinala, marca pois un antes e un despois no ámbito das emitoconas, non só por centrarse especificamente en achegalas, senón tamén por apostar polos xeométricos, símbolos que en significado e implicacións van alén do coñecido até o de agora e que adoptan múltiples, variadas e innovadoras feituras: triángulos, cadrados, pentágonos, hexágonos, rombos ou estrelas, “dando vida a personaxes de distintas culturas e razas”.
Segundo conta Adrián sobre a orixe do seu proxecto, “as emoticonas convertéronse nunha parte fundamental da comunicación, de feito, hai estudos que as sitúan como algo beneficioso no servizo de atención ao cliente para as empresas e outros que as relacionan coa vida sexual de quen os usa”. Ademais, afirma, “estes caracteres son en si mesmo unha forma de comunicación”. Porén, era preciso renovalos, adaptalos aos novos tempos e ampliar as súas implicacións reflectindo a variedade do mundo que os sustenta.
“Con Emoji & Face”, informa Adrián, “queremos ir máis aló das formas doadas e sinxelas que coñecemos e tentar recoller a diversidade do mundo”. Así, di, “hai faces máis alargadas ou máis cadradas, con estilo hípster ou máis clásico, de distintas razas e culturas... Todo isto reflíctese nas emoticonas que deseñamos”. Como dixemos, outro dos obxectivos foi recoller e reflectir a realidade social na que vivimos, e é por iso polo que se incluíron parellas de gais, lesbianas e heterosexuais así como parellas de distinta raza, cultura ou estilos de vestir. “O noso obxectivo non é cambiar algo que funciona senón achegar algo novo ao que xa está constatado como un éxito”, explica o impulsor da iniciativa.
Toda esta variedade nas formas e nos significados ten ás súas costas “un longo traballo de programación”. Porén, o resultado foi máis que positivo, explican Adrián e o seu equipo, que din “sentirse orgullos dos resultados acadados porque desta maneira temos máis detalle e non precisamos reducir as facianas cando queremos facer unha emoticona dunha parella ou un bico”.
A app xa está dispoñíbel en Apple Store e permite compartir os caracteres con calquera usuario a través de todas as ferramentas de mensaxería, redes sociais e correo electrónico. Ademais, conta cun teclado de balde para iPhone que permite ter todas as emoticonas dispoñíbeis desde calquera aplicación.

PUBLICIDADE