Un equipo de atlanTTic establece o primeiro enlace de distribución cuántica de claves de Galicia

martes, 19 de novembro do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, da Universidade de Vigo impulsa un proxecto para tirar proveito das propiedades da física cuántica e lograr aumentar a seguridade das comunicacións. Neste contexto, acaban de conseguir o que en palabras da UVigo representa “un importante fito” para a investigación da nosa terra: a primeira canle de distribución cuántica de claves de toda Galicia.
No marco do proxecto Qursa (QUantum-based ReSistant Architectures and Techniques) e empregando tecnoloxías de base como a distribución cuántica de claves (QKD, Quantum Key Distribution, en inglés) e a criptografía avanzada, deron forma a un enlace de comunicacións QKD conectando dous puntos do campus da Universidade de Vigo: a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e o Centro de Datos da Biblioteca Central.
Segundo explican, a finalidade do proxecto Qursa é “axudar a establecer unha base para a modernización e integración das tecnoloxías cuánticas nas redes de comunicación convencionais”. Para facelo, explican, “empregamos os sistemas QKD que envían sinais cuánticas a través dunha fibra e, mediante un protocolo de medida e comunicación, consegue distribuír de maneira completamente segura esas claves, que o emisor e receptor poden usar para cifrar as súas mensaxes e envialas sen que ninguén as poida descifrar”. A previsión é que este fito sirva para fomentar o avance destas tecnoloxías por parte doutras institucións, e sitúe a atlanTTic e á UVigo como referentes neste ámbito.
O equipo de investigación de Qursa está formado polos investigadores principais e docentes da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Ana Fernández Vilas e Manuel Fernández Veiga, e complétano a investigadora Rebeca P. Díaz Redondo e os investigadores contratados Mateo Blanco Rodríguez e David Pérez Castro. Durante todo o proceso contaron co apoio dos Servizos Informáticos da Biblioteca Central da UVigo, e especialmente de Miguel Polo.
O proxecto Qursa botou a andar en xaneiro de 2023 financiado polo Programa de Transición Ecolóxica e Dixital do Ministerio de Ciencia e Innovación (MICIN). Coordinado desde a Universidade de Vigo por atlanTTic, desenvólvese en colaboración co Instituto Leonardo Torres Quevedo do CSIC e a Universidade Carlos III de Madrid.