Nos últimos meses estase a traballar na corrección dun fallo de seguridade presente na meirande parte de equipos informáticos a nivel mundial, xa que está provocado por un erro de deseño nos procesadores de Intel de 64 bits que para poder corrixirse hai que evitalo a nivel de software, o que forzará a un significativo redeseño dos núcleos de Linux e Windows.
As modificacións dos sistemas están a realizarse entre grandes medidas de seguridade para procurar manter o fallo de seguridade no maior segredo posible, de xeito que poidan elaborarse os parches que o eviten á vez que non fagan doado que xurdan métodos para aproveitalo e así poder vulnerar a seguridade dos millóns de equipos afectados.
Os cambios que están a realizarse en Linux e Windows poderían afectar ao rendemento final dos equipos, asegurando que en función da tarefa e do modelo podería chegar a reducirse o seu desempeño entre un 5 e un 30% e, dado que o fallo está presente nos procesadores con arquitectura Intel x86 de 64 bits tamén será preciso que macOS aplique unha actualización semellante para evitar futuros aproveitamentos da vulnerabilidade detectada (de feito, o parche xa está presente na versión en probas de macOS 10.13.3).
Os parches para Linux están xa dispoñibles, e a semana que vén está prevista a publicación dos de Windows, e que nun principio separarán completamente a memoria do núcleo dos procesos de usuario (o que é un proceso intensivo, xa que realízase en casa chamada de sistema e cada interrupción de hardware), evitando así posibles filtracións que terían consecuencias catastróficas en malas mans.
Aínda que o fallo de seguridade teña impacto en todo tipo de ordenador con procesadores Intel x86-64, é especialmente relevante no caso de contornos de computación na nube, incluíndo os de Amazon, Microsoft e Google, que xa están a programar a aplicación dos parches que evitan a vulnerabilidade (no caso das máquinas virtuais en Azure será o vindeiro día 10 cando as actualicen), aínda que temen as consecuencias a nivel de rendemento que poidan ter.
Dende AMD confirman que o fallo de seguridade dos procesadores de Intel coñecido como KPTI non afecta aos seus procesadores, pero dado que a súa cota de mercado está no contorno do 20% (e non exactamente nos equipos de maior rendemento) non parece que esa nova vaia tranquilizar aos grandes prexudicados pola aplicación dun parche que afecte ao rendemento dos seus sistemas.
Un fallo de seguridade en procesadores de Intel obrigará aos sistemas operativos a funcionar máis lento
Compartir Este Artigo
