Un investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC), José Germán López Salas, vén de resultar finalista no certame ECCOMAS PhD Awards 2016, dirixido a recoñecer a amosar perante o mundo as mellores teses internacionais en materia de computación aplicada á ciencia e á enxeñaría. A tese de López Salas, enxeñeiro informático con premio extraordinario amais de investigador do CITIC, foi proposta pola Sociedade Española de Matemática Aplicada para o premio europeo ECCOMAS ao mellor traballo de investigación doutoral. ECCOMAS, para quen non o saiba, é unha comunidade europea para o estudo e o impulso dos recursos avanzados de cálculo a gran escala.
Esta organización científica promove os esforzos de universidades, institutos de investigación e industrias europeas que actúan nos ámbitos da metodoloxía numérica e a simulación por computador (en enxeñaría e ciencias aplicadas) para abordar problemas sociais e tecnolóxicos críticos. Dentro das actividades de ECCOMAS atópanse os premios europeos ao mellor PhD, no que José Germán conseguiu situarse entre os finalistas.
A tese do investigador do CITIC xunta tecnoloxías de modelado, análise matemática e simulación numérica con vistas a afrontar problemas que xorden en finanzas cuantitativas. Concretamente, a través do seu traballo estúdanse modelos de volatilidade estocástica para a evolución de activos e tipos de interese, con obxecto de calibrar os devanditos modelos a datos reais cotizados nos mercados e a valoración de diferentes produtos derivados. Segundo fai saber o propio investigador, este é un eido de investigación que inclúe non só desafíos no plano matemático senón tamén no computacional.
Un investigador do CITIC, finalista no prestixioso certame ECCOMAS
Compartir Este Artigo

