Un proxecto constata a integración da IA na actividade académica do Campus de Pontevedra
mércores, 18 de marzo do 2026

- Helena Vila, investigadora principal do proxecto, e José María Cancela, responsable do grupo HealthyFit
Un proxecto de innovación educativa levado a cabo na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (Campus de Pontevedra, UVigo) buscou analizar en que medida a intelixencia artificial “está transformando a forma en que estudantes e docentes afrontan o seu traballo académico”, segundo salienta a súa coordinadora, a profesora Helena Vila.
Coa participación de 146 estudantes dos tres graos que se imparten neste centro, así como de 28 profesores e profesoras, os resultados desta análise amosan que a intelixencia artificial “integrouse de forma habitual no traballo académico do estudantado”. Indícase que as e os estudantes emprégana sobre todo “para organizar, comprender e producir contidos”. O profesorado, por outra banda, achégase a estas ferramentas desde “unha posición máis prudente e reflexiva”, usándoa para “tarefas técnicas como elaboración de materiais e planificación docente”, ao tempo que se amosa “máis consciente” que o alumnado respecto de posibles problemas éticos derivados da súa utilización.
Seleccionado na convocatoria de innovación educativa da facultade correspondente a 2025, o proxecto La inteligencia artificial como aliada educativa: desafíos y oportunidades en la formación de estudiantes y docentes de graos en educación buscaba tamén identificar “desafíos e oportunidades” vinculados á aplicación da IA como ferramenta educativa.
O equipo do proxecto lembra que a IA xerativa tense convertido “nunha tecnoloxía clave na transformación das contornas educativas, modificando a forma na que estudantes e docentes acceden á información, elaboran contidos e desenvolven competencias académicas e profesionais”. Seguindo este fío, Vila incide na necesidade de “preparar os futuros profesionais para un escenario educativo no que a IA será unha ferramenta habitual”, de tal xeito que o propósito deste proxecto era tamén “ofrecer unha fotografía real do que está acontecendo” na facultade na que se forman os futuros e futuras docentes.
A través das enquisas respondidas por alumnado dos graos en Educación Infantil, Educación Primaria e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, o proxectou permitiu constatar “unha presenza moi natural da IA no día a día académico” do estudantado. A ferramenta á que recorren en maior medida é ChatGPT, a vez que empregan tamén, dun xeito “moderado”, outras plataformas como Gemini ou Copilot. Máis do 70% amosáronse satisfeitos ou moi satisfeitos con esta tecnoloxía, que empregan en boa medida para tarefas académicas básicas.
“O que observamos é que o estudantado emprega a IA sobre todo como apoio académico para buscar información, xerar ideas, planificar tarefas, organizar traballos e mellorar a redacción. Isto indica que xa está influíndo na forma de estudar e aprender”, subliña a investigadora do grupo HealthyFit. De feito, as e os estudantes sinalan “a xestión do tempo, a resolución de problemas e a competencia dixital”, como os aspectos da súa formación aos que poden contribuír en maior medida unhas ferramentas que “lles permiten avanzar con máis fluidez e menor carga cognitiva”.
Os resultados deste estudo amosan á súa vez que “tamén emerxen dúbidas” entre unha parte do alumnado, xa que algúns “cuestionan a fiabilidade da información xerada, temen perder habilidades propias ou móstranse preocupados pola compoñente ética”. Esta preocupación, porén, era máis xeneralizada entre o profesorado, que fai “un uso máis moderado” dunha “ampla variedade” de aplicacións, “orientado á mellora da práctica docente”. Entre as tarefas que sinalan en maior medida atópanse a creación e adaptación de materiais didácticos, a elaboración de recursos visuais e a planificación de actividades formativas, recoñecendo nese senso que a IA pode axudarlles á hora de “axilizar algunhas tarefas que soen consumir tempo”.
Xunto á súa coordinadora, neste estudo participaron tamén os investigadores e investigadoras Virginia Serrano, José María Cancela, Óscar García, Jorge Viaño, Alba Cuba, Javier Carballo, Tania Álvarez, Mario Iglesias e Telmo Silva, así como Ángela Rodríguez, da Universidad de León.
