Un traballo sobre ciberacoso en redes sociais gaña o premio ao mellor TFG aplicado da FIC

martes, 5 de abril do 2022 Redacción

A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña entregou hoxe o VII Premio ao Mellor Traballo de Fin de Grao Aplicado do Grao en Enxeñaría Informática, que recaeu no proxecto Técnicas de Intelixencia Artificial Aplicadas á detección de ciberacoso en redes sociais, realizado polo estudante Paulo Seoane Davila e dirixido por Fidel Cacheda, profesor da Facultade e investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC. O CITIC colaborou nos premios, xunto coa Fundación Universidade da Coruña e co patrocinio das cátedras institucionais Aldaba, Corunet e NTTdata. O acto estivo conducido pola investigadora do CITIC e vicedecana de Relacións Institucionais da FIC, Adriana Dapena. Este galardón pretende recoñecer os mellores traballos de fin de grao presentados no curso 2020/2021, que obtiveron unha cualificación de matrícula de honra. Así, presentáronse vinte propostas, das cales foron seleccionadas tres, que pasaron á final. Ademais do primeiro premio, gratificado con 1.500 euros, concedéronse dous accésit de 500 euros cada un; foron para Manuel Couto Carril co seu TFG Monitorización e control de explotación de gandería extensiva, e para Juan González Iglesias, que presentou Aplicación móbil e monitorización dun dummy para a formación en emerxencias sanitarias. Ambos traballos estiveron dirixidos polos investigadores do CITIC e docentes da FIC Carlos J. Escudero Cascón e Óscar Fresnedo Arias, respectivamente. O TFG premiado tivo como obxectivo desenvolver un modelo de Intelixencia Artificial capaz de detectar ciberacoso en comentarios en redes sociais, unha tarefa que resulta altamente complexa debido a que ditos comentarios están escritos en linguaxe natural. A entrega do Premio ao Mellor TFG Aplicado enmarcouse na Feira de Emprego e Prácticas da Facultade, que congregou este martes a 26 empresas do sector TIC, que impartiron charlas e obradoiros destinados á orientación laboral do estudantado.

PUBLICIDADE