
O seminario, impartido por José Ramón García (xerente de Unayta), incluíu unha demostración das vantaxes que pon en xogo o recurso desenvolvido (axilidade nos procesos, aforro de custos, dispoñibilidade, seguridade) en tarefas como a sinatura de documentos. A cita levouse a cabo en colaboración coa axencia AMTEGA.
Segundo fixo saber García á hora de “situar” en materia aos asistentes, “estamos nunha época onde a innovación é necesaria en todos os ámbitos, mesmo no empresarial, e a actual tendencia dirixe todo cara a Internet, tendo máis presenza na vida cotiá das persoas, e todo isto non só a través da compra de materiais a través da Rede, senón modificando algún dos seus hábitos, como por exemplo o xesto tan simple de asinar un documento”.
Na demostración, na que tamén se abordaron cuestións legais a ter en conta para as empresas TIC, fíxose unha proba real das posibilidades e funcionalidades da aplicación, salientándose a que se cadra é a máis destacada vantaxe: con só unha sinatura nun dispositivo con pantalla táctil, o documento estará rubricado con total validez xurídica.
Na cita falouse igualmente sobre as funcionalidades de varios sistemas de xestión na nube, con cadros de xestión de mando de comerciais, orzamentos, facturas, contabilidade, tesouraría, etc.
O evento dirixiuse sobre todo a persoal directivo en procura de maiores eficiencia e axilidade na xestión do negocio e, tamén a profesionais interesados na dixitalización dos procesos.
Unayta, como recordaremos, é unha compañía de solucións tecnolóxicas, mercadotecnia e identidade de marca, que ofrece servizos que axudan a fortalecer a imaxe corporativa das empresas e, en consecuencia, a acadar os obxectivos da súa actividade. Conta cun equipo de traballo multidisciplinar que permite un trato 100% personalizado a cada cliente, aos que se lles ofrece, nas súas palabras, “unha atención próxima e directa”, ademais dun asesoramento específico a través de tres piares fundamentais: a investigación, a creatividade e o control de calidade.
Unayta presentou en Santiago a súa innovadora solución de sinatura biométrica
Compartir Este Artigo
